O alumnado do Centro Ocupacional de Saiar en Caldas de Reis fórmase na compostaxe

Persoal técnico do CEIDA deu a coñecer o Plan Revitaliza da Deputación a 32 alumnas e alumnos dos módulos formativos profesionais de xardinería, carpintería, cestería e encadernación
Por o 02/04/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra
O alumnado do Centro Ocupacional de Saiar en Caldas de Reis fórmase na compostaxe

Charlas, obradoiros, xogos de iniciación e repaso sobre compostaxe, observación de microfauna e posta en marcha dun composteiro. Esas foron as actividades que esta semana realizaron 32 alumnas e alumnos dos módulos formativos profesionais de xardinería, carpintería, cestería e encadernación do Centro Ocupacional de Saiar en Caldas de Reis grazas ao traballo do persoal técnico do CEIDA, que deu a coñecer o Plan Revitaliza da Deputación.

Todas as persoas asistentes ás actividades remataron moi satisfeitas co aprendido (nocións básicas de compostaxe), ao igual que o persoal técnico que impartiu as charlas tanto polo interese mostrado polo equipo directivo como polo profesorado e alumnado do centro. Desde a Deputación e o Plan Revitaliza púxose de manifesto que o traballo de sensibilización sobre o tratamento de lixo é fundamental para tomar conciencia e actuar consecuentemente.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades en colaboración co CEIDA para acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais para os residuos municipais.

Nestes momentos son 36 os concellos da provincia que traballan para aplicar a compostaxe nos vindeiros catro anos e cumprir así coa normativa da UE (que esixe que no 2020 o 50 % do lixo municipal sexa reciclado), mellorar o medio ambiente e reducir custos de tratamento e recollida. Deses 36 concellos, 27 teñen xa implantados centros de compostaxe comunitaria, aos que as veciñas e veciños poden levar os seus residuos orgánicos e obter compost para a súa horta ou plantas. Caldas de Reis conta a día de hoxe con varios composteiros comunitarios que están a funcionar con grande éxito.