O alumnado universitario poderá examinarse en liña nas aulas CeMIT da Xunta

Con esta medida facilítase unha alternativa aos estudantes con dificultades de conexión
Publicado por o día 28/05/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

As tres universidades galegas, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) asinaron esta semana un convenio de colaboración co que se pon a disposición de todo o alumnado universitario matriculado no SUG, as denominadas Aulas CeMIT, aulas públicas de acceso a internet dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia,  para realizar os exames das súas materias na modalidade non presencial.

Con este acordo, establecido a petición das universidades,  búscase garantir que o alumnado das universidades galegas conte cos medios necesarios para realizar a avaliación sen necesidade de desprazarse fisicamente ás escolas e facultades. Neste senso, poranse a disposición das universidades as aulas daquelas entidades locais que previamente presenten o seu compromiso ante a Fegamp para participar nesta iniciativa. A partir de aí, os centros poderán empregarse como punto de conexión para  realizar os exames en liña.

Polo momento hai 35 aulas dispoñibles

No portal da rede estará dispoñible e permanentemente actualizada a relación de aulas nas que se poderán realizar os exames, que neste momento son 35, e desde os concellos  procederase en todo momento ao cumprimento das recomendacións das autoridades sanitarias en materia de prevención e hixiene vixentes que se aplicarán en todas as aulas destinadas a este fin.

O alumnado das facultades galegas contará co apoio do responsable da aula CeMIT ou axente TIC, quen se encargará exclusivamente de xestionar os espazos e as reservas de prazas para facilitar a realización dos exames da universidade na Rede CeMIT, así como asesorar aos universitarios/as para que dispoñan de conexión a Internet durante a súa estancia na aula.

Solicitudes e reservas de praza

Pola súa banda as universidades porán a disposición das e dos estudantes o procedemento necesario para facer uso das aulas. As alumnas e alumnos interesados en beneficiarse desta iniciativa e realizar os seus exames nunha aula CeMIT deben rexistrarse como usuarios da rede na web de CeMIT premendo no botón ‘Alta nova/o usuaria/o’, ou directamente na URL: https://aulascemit.xunta.es/usuarios/spring/usuarios   Ao finalizar o proceso, remitiráselles un correo electrónico coa confirmación da alta, o nome de usuario e o contrasinal. Feito isto, poderán xa solicitar a reserva de praza para poder realizar o exame na aula da localidade que máis lles interese, trámite que deben realizar con máis dunha semana de antelación, e agardar a que a persoa responsable desa aula CeMIT lle confirme a solicitude.