O Álvaro Cunqueiro acolle o mellor da investigación en psiquiatría

No hospital vigués celébrase o XXI Curso da Asociación Galega de Psiquiatría, ao que asistirán máis de 150 profesionais
Publicado por o día 18/09/2019 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

O Álvaro Cunqueiro acolle o mellor da investigación en psiquiatría

O Hospital Álvaro Cunqueiro acolle, durante os próximos días, venres e sábado, o XXI Curso de Investigación en Psiquiatría organizado pola Asociación Galega de Psiquiatría.

Máis de 150 expertos de todo o territorio nacional relacionados coa saúde mental, entre psiquiatras, psicólogos, biólogos, neurólogos e profesionais de enfermaría, participarán nestas sesións científicas.

Segundo o organizador do curso e xefe do servizo de Saúde Mental da área sanitaria viguesa, José Manuel Olivares, “seguimos sendo o único grupo de investigación en Galicia que forma parte de CIBERSAM, o Centro de Investigación en Saúde Mental que ten a súa sede no Instituto Carlos III, o que nos outorga un prestixio recoñecido a nivel nacional e internacional”.

O doutor Olivares destaca, ademais, a “importancia das investigacións en proxectos conxuntos internacionais, tanto en Europa como no Norte de América”, así como a incorporación da nanotecnoloxía e das novas tecnoloxías da información ás investigacións que se realizan en Vigo.

Nos últimos anos, este grupo de investigación experimentou un importante salto cuantitativo e cualitativo ao dotarse con máis recursos e novas dotacións, tanto de persoal como de equipamento. “É moi importante que as instalacións do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur estea no propio Hospital Álvaro Cunqueiro, por varios motivos. Entre eles, os avanzados medios de que dispoñemos no hospital, tecnoloxicamente moi ben dotado. E, sobre todo, a posibilidade que teñen os nosos investigadores para facer esa investigación preto de casos reais, sen estar apartados dos pacientes. É unha gran vantaxe, sen dúbida, porque se pode traballar tanto na teoría empírica como na realidade do enfermo”, suliña o doutor Olivares.

Grandes expertos

O evento científico que se vai celebrar conta coa participación de destacados expertos internacionais como Germán Berrios, catedrático de Epistemoloxía da Universidade de

Cambrigde (Reino Unido) que ofrecerá a conferencia maxistral baixo o título “Poder descritivo, explicativo e retórico da Disociación en Psiquiatría”; ou Héctor Caruncho, profesor do departamento de Psiquiatría da Universidade de British Columbia, que falará sobre a “Búsqueda de biomarcadores en Psiquiatría”.

Outro dos relatores que ten unha gran popularidade é o facultativo y antigo xogador de baloncesto, José Antonio Corbalán, que disertará sobre “O equilibrio mente-corpo”.

Os doutores Javier Labad, da Unidade de Hospitalización da Corporación Parc Tauli; José Luis Carrasco, do Clínico San Carlos de Madrid; Julio Sanjuán, da Facultade de Medicina de Valencia, ou Luis Gutiérrez Rojas, do Parque Tecnolóxico de Granada, completan o abano de intervenientes no curso.

Máis de 63.000 consultas ao ano

As Unidades de Saúde Mental do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) atenderon o pasado ano un total de 63.075 consultas. A maioría delas, 46.634 foron revisións de pacientes en Consultas Externas. 9.641 foron primeiras consultas de adultos.

En Saúde Mental Infanto-Xuvenil realizáronse 4.700 consultas e o resto, 2.100, foron consultas de psicoxeritaría.

Ademais, o servizo de Saúde Mental rexistrou 1.021 ingresos na Unidade de Agudos do Hospital Álvaro Cunqueiro, que conta con 62 camas. Pola súa banda, as Unidades de Hospitalización e Rehabilitación, situadas no Hospital Nicolás Pena, recibiron 31 novos ingresos no último ano.

O Hospital de Día psiquiátrico atendeu unha media de 148 pacientes ao mes e contou con 8.369 estancias. E o equipo de Continuidade de Coidados realizou preto de 3.500 visitas domiciliarias a pacientes, tanto en fogares protexidos como noutros domicilios.