O Álvaro Cunqueiro é referencia nacional na atención fisioterpéutica aos pacientes con COVID-19 das unidades de críticos

Os fisioterapeutas da Área de Vigo foron pioneiros na atención a estes pacientes e o seu protocolo de actuación está sendo desenvolvido por outros servizos sanitarios de España e Portugal
Publicado por o día 14/05/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Salud,Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

O Álvaro Cunqueiro é referencia nacional na atención fisioterpéutica aos pacientes con COVID-19 das unidades de críticos

O servizo de Rehabilitación do Chuvi ten deseñado un Protocolo de actuación para pacientes con Covid19 que establece a inmediata intervención dos fisioterapeutas cos pacientes ingresados nas Unidades de Críticos, co obxecto de axilizar a súa recuperación e reducir o tempo de estadía nestas Unidades.

Este Protocolo, pioneiro en España, ten xerado moita expectación e interese entre os profesionais sanitarios, e xa está sendo emulado noutras unidades e servizos asistenciais do país e de Portugal. “Nestes momentos, o hospital Álvaro Cunqueiro é referencia nacional na atención fisioterapéutica aos pacientes críticos. Temos recibido moitas solicitudes para explicar este proxecto e expor a nosa experiencia, tanto de sociedades médicas, como a española de Neumología, como os Colexios profesionais de Madrid e Cataluña ou da Asociación Portuguesa de Fisioterapeutas”- explica un dos impulsores desta iniciativa, o fisioterapeuta especialista Ricardo Rodrigues.

Terapia respiratoria e motora

Así, a intervención de fisioterapia se realiza entre as 24 e 48 horas do ingreso do paciente nas Unidades de Críticos, aos que se lles dispensa unha combinación de dúas terapias, a respiratoria e a motora. A respiratoria -efectuada a través dunhas manobras manuais moi especializadas de presión e descompresión das costas e pulmóns-, pretende a drenaxe das secrecións, habituais nos pacientes intubados, para así evitar as flemas, que poden xerar importantes complicacións respiratorias. A terapia motora ten por obxectivo recuperar a mobilidade e o mantemento da autonomía do paciente.

“Os resultados son moi alentadores xa que temos demostrado que cando se inicia a mobilización de xeito precoz, estes pacientes evolucionan favorablemente moito máis rápido, de xeito que a súa estadía media nestas unidades redúcese en 2 días”, explica Ricardo Rodrigues.

Medio centear de pacientes atendidos

Polo de agora, os fisioterapeutas levan tratados a 47 pacientes con Covid19, 38 deles nas mesmas Unidades de críticos e 9 nas plantas de hospitalización. Ademais, á maioría dos críticos dados de alta, se lles continúa realizando fisioterapia unha vez ingresados en planta.

Segundo explica Antonio Chamorro, coordinador da Unidade de Fisioterapia do Álvaro Cunqueiro, “estamos moi satisfeitos xa que grazas a estes tratamentos temos evitado complicacións asociadas a unha intubación prolongada, como as traqueotomías, ou as derivadas de perda de forza ou ton muscular. A maioría dos pacientes tratados poden saír camiñando destas Unidades, sendo máis rápido o retorno á súa vida laboral”.

Tense constatado que, en xeral, o 60% dos pacientes ingresados nas Unidade de Críticos, tras a alta non volven a traballar no primeiro ano; mentres que un 88% daqueles que recibiron fisioterapia durante as súas estadías nestas Unidades, poiden reincorporarse ao traballo no primeiro ano.

“A posta en marcha desta iniciativa foi posible tras a reordenación dos efectivos de fisioterapia da área levada a cabo por mor da pandemia. Ao non ter actividade nos seus centros, os compañeiros do Meixoeiro e de atención primaria tiveron dispoñibilidade para incorporarse a esta atención. Así, contamos con 10 fisioterapeutas que desenvolven estas prestacións todos os días da semana, incluídos sábados e domingos“-asegura Chamorro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.