O apoio da DEPO ás adhesións á querela arxentina contra os crimes do Franquismo fai efecto chamada e sube a dez familias denunciantes

Representantes das familias Bóveda, Caamaño e Paz mantiveron onte unha primeira reunión de traballo coa avogacía: o obxectivo é presentar formalmente a querela no consulado en febreiro.
Publicado por o día 12/12/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

O apoio da DEPO ás adhesións á querela arxentina contra os crimes do Franquismo fai efecto chamada e sube a dez familias denunciantes

A iniciativa da Deputación de Pontevedra de respaldar as adhesións de familias de vítimas á querela arxentina contra os crimes do franquismo está a facer un ‘efecto chamada’ e a dar os seus primeiros resultados. En menos dun mes dende o acto no que as familias Bóveda, Caamaño e Paz asinaron simbolicamente a súa adhesión á querela no Salón de Plenos provincial, outras sete familias teñen iniciado os trámites en firme -chegando a dez expedientes en total-, e outras oito amosaron o seu interese por tomar o mesmo camiño.

Eses son os datos que manexan representantes dos colectivos de memoria, que onte participaron nunha reunión de traballo xunto ás letradas que defenderán as querelas, representantes das familias Bóveda, Caamaño e Paz, e a deputada de Memoria Histórica María Ortega. A nacionalista, de feito, manifestou a súa satisfacción pola valentía que están a demostrar cada vez máis persoas afectadas polo crimes do franquismo.

O encontro serviu de primeira toma de contacto para iniciar a formalización da querela ante o consulado, que se prevé no mes de febreiro. Ordenáronse os pasos a dar e aclarouse a documentación e tarefas preliminares necesarias para que as familias do galeguista e dos asesinados o 12 de novembro do 36 poidan reclamar por toda a represión sufrida.

Neste sentido, a equipa da avogacía puxo tamén enriba da mesa a posibilidade de que as familias reclamen polos asasinatos e as incautacións de bens non só vía querela arxentina, senón tamén cunha querela ante os xulgados españois –xa que non son excluíntes-, sendo a cuestión valorada positivamente polas e polos afectados, pero sen unha decisión ao respecto.

As letradas recoñeceron que a vía xudicial interna ten moitos visos de ser arquivada de inicio, mais explicaron que o seu interese radica en esgotar os pasos na xudicatura estatal para acudir finalmente á vía internacional, onde si se están a admitir as reclamacións.

Protocolos de traballo

No caso das familias Bóveda, Caamaño e Paz serán elas mesmas e os colectivos memorialistas as encargadas de recabar a documentación que servirá como proba de base para presentar as querelas.

Como punto de partida, deberán dispoñer das partidas de nacemento e falecemento dos asesinados, sendo moito máis concluíntes se os fusilamentos se ordearon despois dun proceso de axustizamento, como así foi nos tres casos. O máis complexo será a investigación sobre as propiedades incautadas.

Outro dos elementos importantes a adxuntar, no caso das querelas na xustiza española, será un ‘Informe pericial de contexto’ que explique fehacientemente a singularidade do momento no que se produciron as mortes, para que así os fusilamentos teñan consideración de crimes de lesa humanidade, que deben estar situados nun contexto histórico de represión.

“Isto pode parecer moi evidente, xa que aconteceron despois dun alzamento e no tempo dunha guerra civil, máis é fundamental levar as querelas o máis traballadas posible”, indicou a abogada Jana Calero.

Toda esta investigación das familias (que deberá consultar arquivos en concellos, comisarías ou cárceres e loitar contra o pouco coidado coa documentación destes temas) farase de xeito paralelo ao labor da equipa letrada. Esta, en grupos de tres ou catro letradas e letrados por querela, intentarán salvar as complicacións probatorias e porán a andar os procedementos de maneira oficial a vindeira semana cos escritos iniciais.

Dado o importante número de familias que se están a plantexar unirse á querela arxentina, a equipa está a traballar para unir máis avogados e avogadas á causa, así como tamén a procuradores e procuradoras.

Lembran que se trata dun traballo desinteresado, facendo todo o labor de balde.

Comentar noticia

Your email address will not be published.