O arranxo da estrada municipal á capela de Santa Comba mellora o acceso a varias vivendas

O Concello volve facer unha aposta polo mantemento das vías municipais que comunican diversos núcleos
Publicado por o día 11/09/2018 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O arranxo da estrada municipal á capela de Santa Comba mellora o acceso a varias vivendas

As obras de acondicionamento da estrada municipal que dá acceso ao lugar da Roca de Arriba, entre a capela de Santa Comba e a estrada autonómica PO-244 rematan estes días, solucionando así as deficiencias dunha vía moi utilizada.

O Concello adxudicou as obras á oferta máis económica, que foi presentada pola empresa Construcciones Manuel Pérez en concurso público por un importe de 44.000 euros. Os traballos, que comezaron onte, rematarán esta mesma semana.

O proxecto, que abrangue preto dun quilómetro, comeza pola limpeza das marxes, aplicación de rego de imprimación e novo asfalto con 5 centímetros de grosor para garantir a súa durabilidade. Finalmente procederase ao pintado das novas marcas viarias. O firme presentaba numerosas fochancas, produto da falta de mantemento durante moitos anos, que facían difícil a circulación. Agora queda en perfecto estado.

Esta estrada, cuxo arranxo era unha vella demanda da veciñanza, dá acceso a varias vivendas na parte superior do lugar da Roca en condicións de seguridade viaria, xa que o outro camiño dispoñible ten unha forte pendente e resulta bastante estreito.

O percorrido desta vía une a ermida de Santa Comba, onde se celebra a tradicional romaría da Saúde, coa estrada autonómica.

Con este asfaltado, o Concello de Ponte Caldelas volve facer unha aposta pola mellora nas comunicacións interiores entre os diversos núcleos do municipio, xa que ao longo deste mandato xa se fixeron varias obras deste tipo en Rebordelo, Chaín, Barbudo e A Esfarrapada.