O Ateneo Atlántico organiza un coloquio en Vigo baixo o titulo “O futuro da Galicia rural”

Publicado por o día 17/02/2020 na sección de Eventos,Galicia,Vigo

O Ateneo Atlántico organiza un coloquio en Vigo baixo o titulo “O futuro da Galicia rural”

Dentro do ciclo Repensar Galicia, o próximo mércores 19 de febreiro reflexionaremos cos economistas Edelmiro López e Daniel Souto sobre un tema tan apaixonante e de tanta actualidade como é o Futuro da Galicia rural. O acto terá lugar ás 19.30 horas na biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO).

Algo está a pasar para que un medio, o rural, que ocupa máis do 75% do noso territorio, acolla, unicamente, ao 25 por cento da poboación galega.

E as cifras, preocupantes, non só non melloran, ou no peor dos casos se manteñen, senón que medran cada día que pasa.

A despoboación do rural é un feito constatábel. Pero, é evitábel?

Por moito que se pretenda dar outra versión, e en contra do imaxinario popular, Galicia xa non é un país rural.

A desagrarización, a baixa produtividade do sector primario, o declive demográfico, a sustentabilidade dentro dun entorno rural, ou a incidencia no noso país de factores macroeconómicos que están a cambiar a fisionomía da sociedade mundial (terciarización, deslocalización, globalización…) son aspectos sobre os que reflexionar e que hoxe situamos no centro da diana.

Repensar Galicia é resultado da preocupación do Ateneo Atlántico pola realidade actual da nosa terra e da fidelidade ao seu compromiso fundacional de potenciar a análise crítica e a reflexión sobre os problemas do século XXI en Vigo e Galicia.

Para realizar unha radiografía contemporánea do presente e o futuro dun medio, o rural, que historicamente marcou a idiosincrasia do ser galego contaremos coa presenza de dous expertos que poden aportar moita luz ao debate. Trátase dos economistas, especializados en economía rural galega, Edelmiro López Iglesias e de David Soto Fernández. O acto será presentado polo presidente do Ateneo Atlántico Anxo Cabada.

Edelmiro López Iglesias (Bilbao, 1960)

Ex-Director xeral de desenvolvemento rural.

Doutor en Ciencias Económicas pola USC (Premio Extraordinario de Licenciatura e de Doutoramento). Actualmente é profesor e director do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os anos 1999 e 2005 ocupou o posto de Director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA)

David Soto Fernández (Vigo, 1972).

Profesor de Historia Económica no departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre 2003 e 2019 foi profesor de Historia Contemporánea na Universidad Pablo de Olavide de Sevilla, onde fundou o Laboratorio de Historia dos Agro-ecosistemas.

As súas liñas de traballo abarcan a historia agraria dende unha perspectiva ambiental e social, así como a agro-ecoloxía.

Comentar noticia

Your email address will not be published.