O Ateneo Atlántico presenta o libro homenaxe a Berta Cáccamo, “Enteiramente pintado”

Publicado por o día 05/02/2020 na sección de Cultura,Eventos,Galicia,Vigo

O Ateneo Atlántico presenta o libro homenaxe a Berta Cáccamo, “Enteiramente pintado”

Na tesitura dunha homenaxe do Ateneo Atlántico a Berta Cáccamo, xurdiu a oportunidade de realizala a través da presentación do libro Enteiramente Pintado (Chan da Pólvora, 2019).

O acto terá lugar o xoves 6 de febreiro, ás 19.30 horas, na biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (rúa García Barbón 5, Vigo).

Para o acto contaremos coa presenza dos tres autores: Juan de NievesCarlos Bernárdez e Pepe Cáccamo, que recitará o seu poema Berta.

Berta Cáccamo

Berta Cáccamo (Vigo, 1963-2018). Pintora, profesora na facultade de Belas Artes de Pontevedra. Licenciouse en Belas Artes na Reial Acadèmia Catalana de Belles Arts de Sant Jordi de Barcelona. En 1987 recibiu a bolsa Manuel Colmeiro da Xunta de Galicia, e en 1990 a bolsa de Creación Artística Banesto en Madrid.

Comezou a expor en 1986, vinculada á corrente renovadora do grupo Atlántica. En 1989 obtivo o premio Cidade de Palma, na Bienal de Pontevedra e no I Certame Unión Fenosa da Coruña. En 1991 foi premiada no II Certame Unión Fenosa. En 2017 recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas. En 2019 o CGAC rendeulle unha homenaxe

Enteiramente Pintado

Enteiramente pintado: Rexistro dun percorrido vital, é a concreción, en forma libro, da exposición do mesmo título que, no ano 2019, organizou a propia familia para expor o legado da xenial artista.

A exposición foi comisariada por Juan de Nieves e o libro, ademais de imaxes das 40 obras expostas, inclúe textos do propio comisario, de Pepe Cáccamo, que aborda a orixe do legado de Berta, e do crítico de arte Carlos Bernárdez, que se ocupa de escribir sobre a obra da pintora desde un punto de vista analítico.

Juan de Nieves (A Coruña,1964). Licenciado en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola USC. Conservador do Centro Galego de Arte Contemporánea entre 1994 y 1998.Como comisario independente realizou exposicións con Rosa Barba, Isidoro Valcárcel Medina, Miguel Ventura ou a propia Berta Cáccamo, entre outros.

Xosé Carlos López Bernárdez (Vigo, 1958). Licenciado en Xeografía e Historia, sección Historia da Arte. Comisario de exposicións, ensaísta e profesor de Lingua e Literatura Galegas. Como ensaísta ten publicado obras no eido da literatura e no campo das artes plásticas.

Xosé María Álvarez Cáccamo (Pepe Cáccamo, Vigo, 1950). Escritor, crítico literario e profesor de literatura. Creador dunha vasta obra na que ademais de poesía, podemos atopar algúns relatos breves, ensaio, teatro ou literatura infantil, obra que está traducida ao catalán, castelán, éuscaro e italiano. Premio nacional da crítica, Premio Esquío, Premio da Crítica Galega, Premio Miguel González Garcés, etc.

Comentar noticia

Your email address will not be published.