O Atlantic Fest chega á Illa de Arousa reforzando compromiso medioambiental en sintonía coa axenda da DEPO

A presidenta Carmela Silva confirmou que “estaremos presentes na cita removendo conciencias e loitando contra o dano que lle facemos ao medio ambiente”.
Publicado por o día 11/07/2019 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vilagarcia

O Atlantic Fest chega á Illa de Arousa reforzando compromiso medioambiental en sintonía coa axenda da DEPO

Os vindeiros días 26, 27 e 28 de xullo a Illa de Arousa acollerá unha nova edición do Atlantic Fest, unha das citas dos #FestivaisRíasBaixas que promove a Deputación de Pontevedra, e na que se vai reforzar a campaña de concienciación polo medio ambiente “xa que este ano pretendemos remover as conciencias nas loitas contra os plásticos porque se seguimos así no ano 2050 vai haber máis plásticos que peixes”. Así o sinalou este mediodía a presidenta provincial, Carmela Silva, na presentación do festival no Faro de Punta de Cabalo, na que tamén participou a deputada provincial Ana Laura Iglesias, o alcalde da Illa, Carlos Iglesias, así como representantes do Agadic, da organización do festival e das marcas patrocinadoras do evento. “Estaremos presentes no festival loitando contra o dano que lle facemos ao medio ambiente”, insistiu Silva.

Máis polo miúdo, a presidenta incidiu na importancia que teñen eventos coma este “porque a música ten un poder fundamental para atraer riqueza, para atraer atención sobre o territorio, para promover a cultura e talento musical e tamén para fortalecer a industria musical unha das industrias máis potentes e con máis potencialidade de futuro” e, amais, engadiu que “os festivais producen unha gran felicidade porque hai un ambiente marabilloso e porque os lugares onde se desenvolven tamén o son”. Na súa intervención, Silva tamén enxalzou que “esta illa a tivo que inventar unha deusa, porque é un lugar máxico, marabilloso, cheo de cor, cuns valores medioambientais espectaculares e cunha xente fantástica, auténtica e con identidade propia”. Para finalizar, a presidenta da Deputación puxo en valor que o festival tiña un carácter maioritariamente diúrno, dirixido a todos os públicos, e que conta cuns “produtos fantásticos tanto bebibles como gastronómicos”.

Este ano, amais da campaña de sustentabilidade “Experiencias Sostibles”, a institución provincial tamén ten en marcha a campaña de igualdade “Eu decido ti respectas, eu respéctote conto contigo”. En concreto, a campaña de loita contra o plástico e defensa do turismo sostible estará presente o venres 26 de xullo e a campaña de igualdade desenvolverase ao día seguinte, 27 de xullo. Tamén, tal e como sinalou Silva, a Deputación realizará este ano un informe big data para coñecer os hábitos das persoas que asisten aos festivais, as súas características sociais e os aspectos que lles interesan da provincia.

Pola súa banda, o alcalde da Illa, Carlos Iglesias, O alcalde da Illa agradeceu a axuda da institucións e das empresas privadas por facer posible que un evento tan importante se celebre na vila “son unhas datas que acollemos con moito cariño e nas que cada ano temos máis éxito” e engadiu “o retorno socioeconómico que nos traslada ao noso pobo é enorme”.

O festival que se celebra na Illa caracterízase polo seu ambiente familiar con nenas e nenos, combinando a música cos deportes náuticos ou a gastronomía. Neste 2019 volverá a contar cun cartel “de enorme impacto”, coa presenza de grupos musicais e artistas entre os que destacan Love of Lesbian, Los Planetas, Dorian ou Nacho Vegas.

O ano pasado asistiron ao Atlantic Fest preto de 8.000 persoas, das cales 820 pasaron polo stand de Igualdade da Deputación onde se prestou asesoramento e 1.000 persoas polo de Turismo Sustentable onde se repartiron ecocabichas e información ambiental.

Comentar noticia

Your email address will not be published.