O Auditorio de Nigrán acolle o venres a presentación da Revista 16/17 do IEM

Publicado por o día 31/05/2018 na sección de Galicia,Nigrán

O Auditorio de Nigrán acolle o venres a presentación da Revista 16/17 do IEM

O Auditorio Municipal de Nigrán acolle o venres ás 20:30 horas a presentación da REVISTA REM Nº 16/17 do Instituto de Estudos Miñoráns. O acto, no que intervirá o alcalde de Nigrán, contará coa colaboración e actuación de alumnas do Conservatorio Elemental de Música de Gondomar e as intervencións de Xulián Maure Rivas, director do IEM; Xosé Lois Vilar Pedreira, Xilberte Manso de la Torre, Víctor Lorenzo, Antonio Soliño Troncoso e José Ramón Ojea Vidal, que farán unha breve presentación das súas colaboracións. Presenta o acto María Lemos Cerqueira.

PRESENTACIÓN REM 16

Esta Revista de Estudos Miñoráns (REM) empeza cunha breve memoria das contribucións que a Sección de Etnografía e Arqueoloxía do IEM foi elaborando e que acaba de culminar coa presentación da tese doutoral de Eduardo Méndez-Quintas na Universidade de Burgos: “Caracterización y variabilidad tecnomorfológica de las industrias achelenses de la cuenca baja de río Miño (NO de la Península Ibérica)”. Esta mesma Sección presenta un adianto dos estudos que vén facendo sobre a presenza dos garranos nos montes das terras miñotas e a súa posible relación temática cos petróglifos desta comarca.

Nestes anos en que os desafiuzamentos marcaron a gravidade da crise económica e social, achegan varios documentos nos que uns veciños da Baiona medieval (século XV) quedan privados do foro que tiñan coa igrexa de Santa María.

No número 12-13 desta revista apareceu un pequeno dossier con varios artigos sobre o Porto do Molle. Agora neste número dáse unha breve pero cumprida información do estado actual deste parque empresarial con cerca de mil novos postos de traballo cunha grande porcentaxe de alta cualificación.

Sobre o proceso sociolingüístico do Val Miñor hai dous estudos de moi distinta natureza. Por unha parte mídese a deriva do uso bilingüe na xuventude miñorana nos últimos trinta anos e por outra estúdase a natureza social da gheada e do seseo en conversas do Val Miñor.

Documéntase a bioinvasión europea da planta medicinal suramericana “marcela” [Achyrocline satureioides (Lam.) DC.] partindo da súa chegada ao Val Miñor.

Recóllese neste número un breve informe sobre a presenza estival de grupos infantís de saharauís acollidos por familias miñoranas.

Dúas intervencións sobre “Relixión do mar”, Premio Vitoriano Taibo de 2016 salientan o valor poético e social do mundo mariñeiro na obra de Xosé Iglesias.

Finalmente, nos oitenta anos dos comezos asasinos da ditadura de 1936, inclúense un poema inédito de Antón Tovar e o texto da intervención de Montse Fajardo na homenaxe anual da Volta dos Nove.

Os apartados “Especial Arte” está dedicado ao artista escultor miñorán Víctor Lorenzo e “O meu Val Miñor” recolle dous textos, un de Vitoriano Taibo sobre o primeiro Conde de Gondomar e outro un mitin de Basilio Álvarez pronunciado en 1912 no piñeiral da Ramallosa. Remata a revista coas seccións “As novas do IEM” e o “Índice de colaboradores”.