Abel Caballero foi o encargado de presentar este luns a cuarta edición de Festival de Arte e Discapacidade que organiza a Fundación Igual Arte coa colaboración do Concello de Vigo entre o 8 e 10 de outubro no Auditorio Municipal. A presidenta da fundación, Cristina Lago, destacou durante a rolda de prensa que se trata dunha experiencia pioneira no territorio español.
“Estamos ante un evento cultural e solidario excepcional, de longo percorrido, e quero invitar á cidade que se achegue ao Auditorio Municipal entre este martes e o xoves”, sinalou o alcalde de Vigo. Pola súa banda, a presidenta de Igualarte asegurou sentirse “orgullosa por vivir nunha cidade que cada vez aposta máis e máis pola inclusión e pola pluralidade”.
O IV Festival de Arte e Discapacidade comezará este martes, 8 de outubro, con “Dúo Acrobático”, que representará “Descubríndonos”, e coa Compañía de Danza da Fundación Igual Arte e a súa produción “Procura de visión” (20:15). A segunda xornada permitirá asistir á proposta do artista Jonas Desquay, da École de Cirque de Bruxelles, e posteriormente subirán ao escenario do Auditorio Municipal as compañías Media Punta, Conservatorio Mayeusis, Dance Academy e un dúo de danza que representará a peza “Breviario Dispersivo”.
O xoves será o momento da segunda función do belga Jonas Desquay e de Danzass, que presentará “Vestixio”, mentres que a Asociación MeetShareDance representará “Sapere Aude”. O festival acollerá a exposición de fotografía “Corpo e movemento” coas imaxes de Aitor Rivera, Gonzalo Gómez, Vanesa Lea, Pilar Rego, Laura Faro e Laura Rivas. Ademais, estarán as dúas finalistas na categoría de “Fotografía”, Patricia Rodríguez con “Pantasma” e Vanesa Gómez con “Facendo deporte ao aire libre”.
“Veñen persoas de de todo o territorio español e tamén quixemos que estiveran presentes compañías de danza da cidade, como Mayeusis e Media Punta, pero tamén de fóra. Estamos moi contentos, é unha experiencia pioneira no territorio español, ogallá Vigo sexa capital de estes encontros culturais”, destacou Cristina Lago.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.