O auditorio municipal de Nigrán acolle a tarde do domingo as representacións das actividades extraescolares de animación á lectura

Publicado por o día 01/06/2018 na sección de Galicia,Nigrán

O auditorio municipal de Nigrán acolle a tarde do domingo as representacións das actividades extraescolares de animación á lectura

O Auditorio Municipal de Nigrán acolle este domingo 3 de xuño dende as 17:00 horas as diferentes representacións dos alumnos inscritos na actividade extraescolar de “Animación á lectura” do colexio Humberto Juanes, Carlos Casares e Serra de Vincios. As súas docentes, o dúo “Voltereta e Volvoreta”, presentarán aos asistentes o proxecto “Sonrisas por Tiritas” ao que pertencen dende hai un ano.

A idea de “Sonrisas por Tiritas” xurdiu da propia experiencia vital dos membros da Asociación Berce, pois pasan moito tempo en hospitais acompañando a nenos (fundada en Vigo en 1995, é unha entidade sen ánimo de lucro dedicada a acoller menores que, por diferentes circunstancias familiares, están en situación de risco ou desamparo e necesitan protección). O obxectivo deste proxecto é ofrecer momentos de distracción e entretemento aos nenos e nenas hospitalizados. O proxecto sostense co apoio das empresas patrocinadoras e, moi, moi especialmente, coa achega persoal de tempo e materiais dos propios Doutores Tirita, que son voluntarios “non remunerados”. Así mesmo, no ano 2017 uniuse ao proxecto a Asociación de Bombeiros de Vigo. Os “Doutores Tirita” acoden dous días á semana para visitar e realizar actividades de animación cos nenos ingresados no Hospital Álvaro Cunqueiro, no Hospital de día pediátrico, consultas externas, UCI pediátrica, REA e Urxencias. Durante novembro de 2016, data en que botou a andar a iniciativa, foron máis de 100 visitas e máis de 4000 nenos os atendidos polos Doutores Tirita e os Bombeiros de Vigo.

Pola experiencia cos nenos de Berce que tiveron que estar no Hospital, os responsables da Asociación son conscientes do importante que é para os nenos hospitalizados e en tratamento de quimioterapia gozar de momentos de distensión e diversión. O lema de proxecto é o seguinte: “Non poderemos curarlles, pero tentaremos encher os corredores do Hospital coas súas risas”.

Os “Doutores Tirita” son profesionais da animación, de diferentes empresas do sector como: Troula, Bolbolúa, Pasatempos, Barafunda, Payaso Popín, Rível Animación, Mago Marco, Animar-T, Jumping Clay Vigo, Chirlomirlo, Voltereta e Volvoreta, D’Allegro, Os Ourizos, Canto Conto y el Mago Pau Segalés. O obxectivo da Asociación Berce é manter o proxecto activo nos próximos anos e tentar estendelo a outros hospitais galegos.