O autor Chema Heras ofrece unha sesión de contacontos este venres en Well Libros

Publicado por o día 21/08/2019 na sección de Cangas,Cultura,Galicia

O autor Chema Heras ofrece unha sesión de contacontos este venres en Well Libros

O profesor e escritor Chema Heras visitará este venres 23 de agosto a libraría Wells (Praza do Arco, 5) de Cangas, onde ofrecerá unha sesión de contacontos dirixida a público infantil, a partir das 12:30 horas. No seu repertorio non faltarán dúas das obras das que é autor, “Avós” e “Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis”, publicadas por KALANDRAKA.

Tampouco faltarán contos tradicionais como “A galiña roxa”, a partir da adaptación de Pilar Martínez, e historias rimadas de estrutura circular como “Un becho estraño”, creada por Mon Daporta. Trátase, en conxunto, de textos dinámicos e que favorecen a participación das nenas e dos nenos na actividade a través de retrousos e de fórmulas repetitivas e acumulativas.

De orixe abulense pero afincado en Galicia dende hai moitos anos, Chema Heras compaxinou a docencia coa creación e coa tradución literaria. Iniciou a súa traxectoria como autor editando o poemario “Nido de amor e cuna” e a colección de contos “Bulebule” para ler e escribir. Tamén adquiriu experiencia internacional nunha estadía académica en Australia, onde colaborou co departamento de Educación de Nova Gales do Sur na adaptación de varios libros.

A súa bibliografía complétase coa achega á nosa lingua da obra de autores como Eric Carle, Mem Fox ou Daniela Kulot. Entre os recoñecementos que ten recibido destaca o Premio Llibreter 2003 do Gremio de Librarías de Cataluña por “Avós”, que figura nos plans de lectura de países como Portugal, México e Italia. Ademais, é co-director da colección de Ciencias de KALANDRAKA.

Comentar noticia

Your email address will not be published.