O auxe da extrema dereita é un fenómeno global que responde ás necesidades do capitalismo

Senra participa durante esta semana nas xornadas de formación do GUE/NGL en Chipre, onde coordinou unha mesa sobre a extrema dereita
Publicado por o día 09/01/2019 na sección de AGE,Política

O auxe da extrema dereita é un fenómeno global que responde ás necesidades do capitalismo

Ademais de cuestións específicas relativas á actual situación do que se deu en chamar “problema chipriota”-actualmente 40.000 militares turcos ocupan o 37% do territorio chipriota e 1/3 da súa poboación, 170.000 persoas aproximadamente, é refuxiada- , ou aquelas relacionadas coa situación no Medio Oriente e no Mediterráneo oriental, esta xuntanza ten como obxectivo afondar noutras claves a abordar como grupo político de esquerdas dende o Parlamento, avanzando en análises de cuestións como o auxe da extrema dereita en Europa.

Precisamente durante a tarde de onte tivo lugar o panel adicado a abordar esta situación, integrado polo eurodeputado grego Dimitris Papadimoulis, o académico Nikos Trimiklimiotis e o científico político Giorgos Charalambous. Este espazo foi introducido e moderado por Lídia Senra, quen quixo salientar nas súa intervención que “a problemática do auxe da extrema dereita non é exclusiva da Unión Europea”, poñendo como exemplo a actual situación no Brasil baixo a presidencia de Jair Bolsonaro, que cualifica de “tremendamente negativa e preocupante”.

Abondando na análise das circunstancias que están a dar pé ao fortalecemento das forzas políticas máis reaccionarias, Senra chamou a reflexionar sobre como estas favorecen a sinerxía sistémica de afondamento nas desigualdades, presente a nivel global: “O capitalismo precisa neste momento de gobernos autoritarios para continuar co seu proceso de concentración da riqueza en cada vez en menos mans”.

Este proceso é facilmente identificable na UE, abondou, onde a aplicación das denominadas “políticas de austeridade” conlevou o empobrecemento da maioría social, a destrución de servizos públicos e o acaparamento da riqueza. “Se a Unión Europea estivera preocupada polo auxe da extrema dereita poñería fin ás súa políticas neoliberais”, reflexiona a eurodeputada.

Esta estratexia busca tamén debilitar a loita de aqueles colectivos que precisamente traballan por difundir un discurso e unha praxe social vencellada á igualdade, ao respecto aos dereitos humanos e sociais, á solidariedade e, en definitiva, ao benestar social no seu conxunto. A nivel do Estado español, por exemplo, precisamente “o ataque aos dereitos das mulleres forma parte do propio programa dos partidos de extrema dereita, como vemos nas conversas para a investidura en Andalucía que están pedindo a derogación da lei contra a violencia machista, a derogación para a promoción da igualdade de xénero e a derogación da lei para garantir os dereitos das persoas LGTBI”. Estes ataques tamén se detectan contra as traballadoras e traballadores, como puidemos ver por exemplo en Hungría ca recente aprobación da denominada “Lei da Escravitude”, que amplía as posíbeis horas extras anuais de 250 a 400 e permite que se tarde ata 36 meses en pagalas; en definitiva “os programas destas formacións supoñen a anulación dos dereitos humanos e  incrementan as desigualdades”.

Para pechar a súa intervención Lídia Senra apelou dende Chipre ao “papel crucial” dos medios de comunicación na divulgación da mensaxe destes partidos, “os propios partidos de centro dereita están xirando cada vez máis á dereita como consecuencia tamén disto”.

As xornadas de formación do GUE/NGL continuarán no día de hoxe e mañá arredor da análise xeopolítica da rexión do Medio Oriente e no Mediterráneo oriental, abordando por unha parte a dimensión xeoestratéxica da militarización da rexión palestina e, por outra, a pegada do ISIS nesta área.

Comentar noticia

Your email address will not be published.