O bailarín mosense Rubén Cabaleiro reúnese co Conselleiro de Cultura ante posibles colaboracións coa Xunta de Galicia

Na xuntanza de hoxe con Román Rodríguez estivo acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e pola concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro

O bailarín mosense Rubén Cabaleiro Campo, solista do Ballett am Rhein (Ballet do Rin) -compañía de ballet das cidades alemás de Düsseldorf e Duisburg- reuniuse esta mañá co Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e pola concelleira mosense de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro.

Na xuntanza abordaron posibles colaboracións de Cabaleiro coa Xunta de Galicia de cara ao Xacobeo 2021. Durante a reunión os presentes tamén trataron sobre o estado da danza en Galicia e Rubén Cabaleiro declarou á saída da mesma estar “moi positivamente impresionado pola cercanía e amabilidade do Conselleiro”, ao que non coñecía ata o momento.

Rubén Cabaleiro, mosense natural da parroquia de Guizán, formouse en Galicia e en Madrid de mans de Víctor Ullate. Comezou a súa carreira profesional na compañía de Víctor Ullate e bailou en numerosos teatros de todo o mundo como en Xapón, Taiwán, Holanda, Francia… etc. A pesar da súa prolífica listaxe de actuacións nunca bailou na súa terra, en Galicia, e faille por elo “moita ilusión” actuar na Comunidade Autónoma galega porque nunca o fixo, tal e como el mesmo asegura.

Ademais de pola súa incrible traxectoria na danza profesional, Rubén Cabaleiro ven sendo noticia últimamente pola orixinal, inxeniosa e innovadora iniciativa que puxo en marcha durante o confinamento.

Cando se desatou o estado de alarma derivado da pandemia do coronarivus o bailarín mosense propúxose non abandonarse á desidia, senón todo o contrario, continuar adestrando para manterse en forma dentro das limitacións que supón estar en confinamento. Con ese propósito creou o proxecto DanceLive Europe xunto con outro bailarín español, o zaragozano Jorge García Pérez, con quen coincidiu hai 14 anos no Ballet de Zúric e que actualmente é bailarín solista no Ballet do Teatro de Basel, Suíza.

A iniciativa pretendía dar solucións e alternativas aos bailaríns de todas as compañías do mundo que neses intres estaban paradas, para axudalos a recibir clases gratis cos mellores profesores e bailaríns do mundo.

Tras os primeiros días de clases, a plataforma non tardou en comezar a recibir ofrecementos doutros bailaríns dos cinco continentes, interesados non só en recibir, senón tamén en impartir clases aos seus compañeiros. Contou coa colaboración de máis de medio centenar de profesores, bailaríns e primeiros bailaríns de compañías tan importantes como o New York City Ballet e o Royal Ballet de Londres.

DanceLive Europe ofrecía 2 clases online gratuítas diarias dirixidas tanto a bailaríns profesionais como a todo aquel que estivera interesado en exercitarse a través da danza e do baile.

As clases reuniron cada día a preto de cen alumnos, profesionais e afeccionados, de todo o mundo: Xapón, China, Australia, Rusia, Israel, Canadá, Estados Unidos, Brasil e, por suposto, Galicia. Principalmente ofreceron clases de ballet e danza contemporánea, pero tamén incorporaron talleres coreográficos e outras disciplinas como o ioga, o gyrokinesis e o estilo Bollywood, máis dirixidas ao público non profesional.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario