O Banco de Alimentos contabiliza 330.000 quilos de comida na súa Gran Recollida Solidaria, nova cifra récord

Trátase de 5.000 quilos de alimentos máis que os recadados na edición de 2017 (325.000 quilos), confirmándose así o éxito desta acción desenvolta pola ONG os pasados 30 de novembro e 1 de decembro
Por o 15/12/2018 | Sección: Galicia,Vigo
O Banco de Alimentos contabiliza 330.000 quilos de comida na súa Gran Recollida Solidaria, nova cifra récord
A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo contabiliza un total de 330.000 quilos de comida procedentes da súa sexta Gran Recollida Solidaria (GRS2018), celebrada os pasados 30 de novembro e 1 de decembro. Trátase dunha nova cifra récord, nunca antes conseguida.
 
Por zonas, en Vigo e arredores (Porriño, Mos, Moaña e Redondela) recibíronse 168.000 quilos de comida; en Pontevedra e as súas comarcas recolléronse 125.000 quilos; en Val Miñor contabilizáronse 22.000 quilos; e, en Baixo Miño doáronse 15.000 quilos de comida. Son 5.000 quilos máis de alimentos recadados con respecto ao ano pasado, confirmándose así novamente o éxito desta acción.
 
Desde a ONG agradécese publicamente a xenerosidade demostrada polas persoas que achegaron o seu granito de area no que, sen dúbida, é a súa fin de semana máis solidaria do ano. O presidente da entidade, Pedro Pereira, destaca a “sensibilidade” da cidadanía “cos que o
 
seguen pasando mal” e lembra que “aínda que algúns índices macroeconómicos parecen mellorar, a petición de axuda continúa, chegando a repuntes puntuais nalgunhas ocasións”.
 
800 quilos de marmelada, grazas a David Amor Mención especial para o padriño da GRS2018, o actor, humorista e deportista David Amor que non só estivo a recoller alimentos como un voluntario, senón que, ademais, conseguiu unha doazón extra de 800 quilos de marmelada por parte da empresa Helios.
 
Precisamente, o embaixador do Banco de Alimentos participou o pasado 30 de novembro -tras haber #recoller comida en dous supermercados de Vigo e Pontevedra-, estivo noutro acto benéfico en Barcelona e foi aquí onde logrou que esta empresa valisoletana realizase dita doazón. As marmeladas chegaron á nave da ONG a metade desta semana e xa comezaron a repartirse.
 
Así mesmo, a entidade tamén quere destacar a actitude máis que comprometida dos 2.000 voluntarios e voluntarias que regalaron catro horas do seu tempo durante a GRS2018, facilitando as doazóns de alimentos de primeira necesidade. Grazas aos 330.000 quilos de alimentos logrados nesta GRS2018, o Banco de Alimentos poderá seguir axudando ás 25.000 persoas desfavorecidas ás que chega na provincia, polo menos, ata primavera de 2019.
 
Durante 2017, a Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu 1,9 millóns de quilos de comida e nos seis primeiros meses deste 2018, entregáronse xa preto de 1,2 millóns de quilos de comida. A ONG, apolítica e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable. Na actualidade, entrega axuda a uns 150 colectivos sociais que, á súa vez, distribúea a 25.000 persoas desfavorecidas na provincia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.