O Banco de Alimentos desenvolverá Operacións Quilo esta fin de semana en Baiona, Moaña e Sanxenxo

Unhas 70 voluntarias e voluntarios participarán nesta acción, promovida e impulsada desde a Fundación Solidariedade Carrefour e que se desenvolverá mañá e o sábado, 10 e 11 de maio
Publicado por o día 09/05/2019 na sección de Galicia,Social,Vigo

O Banco de Alimentos desenvolverá Operacións Quilo esta fin de semana en Baiona, Moaña e Sanxenxo

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo desenvolverá esta fin de semana en Sabarís (Baiona), Moaña e Sanxenxo unha Operación Quilo simultánea nos Carrefour Market das tres localidades.
 
Unhas 70 voluntarias e voluntarios participarán nesta acción, promovida e impulsada desde a Fundación Solidariedade Carrefour e que se desenvolverá mañá, venres, e o sábado, 10 e 11 de maio. En concreto, haberá 16 persoas da ONG recollendo comida en Sabarís, outras 30 en Moaña e 18 máis en Sanxenxo.
 
En cada Carrefour Market onde haberá recollida esta fin de semana estarán voluntarias e voluntarios perfectamente identificadas con petos do Banco de Alimentos, facilitando desta maneira as doazóns que a cidadanía queira doar.
 
Desde a entidade pídese a implicación solidaria dos doantes para poder seguir recuperando o stock de alimentos de primeira necesidade cos que conta nos seus almacéns de Lavadores (Vigo) e Pontevedra.
 
Entre os alimentos non perecedoiros máis urxentes na actualidade, destacan o leite, o cacao, as galletas, o aceite e todo tipo de conservas. En canto a este último produto, as conservas, hai que ter en conta que un bo número de destinatarios da comida que reparte a entidade teñen tamén pobreza enerxética, co que, consumir comida que non requira moita preparación é un valor engadido.
 
Actividade durante o ano pasado Durante 2018, o Banco de Alimentos entregou preto de 1,8 millóns de quilos de comida (1.760,629 quilos), a través dos 150 colectivos sociais cos que traballa, cubrindo o 35% das necesidades das 25.000 persoas ás que axuda.
 
A ONG, creada en 1995, apolítica e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta. Desde 2014, a entidade conta con delegación propia en Pontevedra.