Como pode colaborar a primeira feira do naval en España cunha ONG? Esa foi a primeira pregunta que se fixo Javier Arnau, director de Navalia, ante a chamada da Fundación Provincial do Banco de Alimentos de Vigo. “Como feira non sabiamos moi ben como podiamos axudar. O carácter profesional do evento e a súa temporalidade (é unha feira bienal e este ano non se celebra) complicábanos dar resposta a ese “como o facemos”. Pero as ganas de axudar e o coñecer ao sector, que sabemos acollerá moi ben esta iniciativa, déronnos a idea”, explicaba Arnau esta mañá na presentación da campaña “SUMAR, SECTOR NAVAL SOLIDARIO”, acompañado por Pedro Pereira e Iván Martínez, presidente e vicepresidente da Fundación Provincial do Banco de Alimentos de Vigo, respectivamente.
“Somos os organizadores dun evento que desde 2006 reúne a todo o sector naval nun mesmo lugar durante 3 días. Pensamos que esta capacidade de reunión era a clave para levar a cabo unha acción solidaria conxunta”, apuntou o director da feira.
A oitava edición de Navalia non terá lugar ata o próximo ano, así que a organización elixiu, aproximadamente, as datas de NAVALIA 2020 para levar a cabo esta recollida solidaria, que se celebrará do 20 ao 22 de maio en 8 estaleiros da provincia de Pontevedra. Trátase da primeira acción en que a Fundación Provincial do Banco de Alimentos de Vigo involucra a un sector en concreto. “Para esta primeira ocasión, e co pouco tempo que tivemos, creamos unha pequena campaña e centrámonos nos estaleiros da provincia de Pontevedra que, a priori, aglutinan a un gran número de traballadores”, explicou Javier Arnau. A esta primeira recollida do sector sumáronse:
· Aister
· Armón
· Astilleros Lago
· Barreras
· Cardama
· Freire
· Metalships
· Nodosa
“Estamos seguros de que vai ser un éxito porque o sector naval é moi solidario”, afirmou Iván Martínez. O vicepresidente do Banco de Alimentos convidou a todos os traballadores a participar nesta recollida de
alimentos, involucrando tamén á dirección das empresas: “confiamos tamén en que a dirección de cada estaleiro poida botar unha man como entidade. Toda a axuda é benvida”.
Iván Martínez explicou que actualmente “quedan moi poucos alimentos nos andeis procedentes da Gran Recollida Solidaria de 2018 e por iso todas as ideas e accións que podamos levar a cabo son boas”. Neste sentido, o Banco de Alimentos leva semanas desenvolvendo distintas Operacións Quilo nos supermercados colaboradores e organizando outras máis para seguir facendo provisión de produtos básicos. Esta próxima fin de semana estará a recoller comida nos Carrefour Market da provincia e, nunhas semanas, participará no Maio Solidario promovido por Gadis e tamén en ‘O Zampakilos Solidario’ de Vegalsa-Eroski.
Tres días de recollida, tres días de feira
A recollida levará a cabo durante 3 días (como cando se celebra Navalia). Os voluntarios da Fundación Provincial do Banco de Alimentos de Vigo deixarán os caixóns de recollida o día 16 de maio, dado que coincide un festivo e a fin de semana polo medio, e pasarán a recollelos o día 23 de maio. Desde a ONG lembran que se necesitan alimentos non perecedoiros e, sobre todo, aqueles de primeira necesidade, como leite, aceite, cacao, fariña, galletas e alimentos infantís.
Ao tratarse de lugares de lugares de traballo que conlevan un certo risco, todos os estaleiros facilitaron un espazo no que se moleste o menos posible.
Actividade Banco de Alimentos de Vigo
Durante 2018, o Banco de Alimentos entregou preto de 1,8 millóns de quilos de comida (1.760,629 quilos), a través dos 150 colectivos sociais cos que traballa, cubrindo o 35% das necesidades das 25.000 persoas ás que axuda.
A ONG, creada en 1995, apolítica e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta. Desde 2014, conta con delegación propia en Pontevedra.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.