O banco de alimentos recollerá alimentos nos dous Alcampos de Vigo

Por o 27/06/2019 | Sección: Galicia,Vigo
O banco de alimentos recollerá alimentos nos dous Alcampos de Vigo
80 voluntari@s da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo estarán recollendo comida mañá, venres, e o sábado, 28 e 29 de xuño, nos dous Alcampo da nosa cidade, tanto no situado na Avenida de Madrid como no de Coia. Trátase da última recollida de alimentos do verán, xa que, durante o mes de agosto, a entidade rebaixa a súa actividade.
 
Como vén sendo habitual, a ONG ten previsto repartir en xullo o dobre de comida para que as entidades homologadas ás que axuda, poidan facer fronte ás necesidades de agosto.
 
Durante 2018, o Banco de Alimentos entregou preto de 1,8 millóns de quilos de comida (1.760,629 quilos), a través dos 150 colectivos sociais cos que traballa, cubrindo o 35% das necesidades das 25.000 persoas ás que axuda.
 
A ONG, creada en 1995, apolítica e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos seus dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable de maneira gratuíta. Desde 2014, a entidade conta con delegación propia en Pontevedra.

Comentar noticia

Your email address will not be published.