O Concello de Ponte Caldelas ofreceu este domingo unha sesión gratuíta e aberta á súa veciñanza, no marco da campaña de promoción do turismo verde. Unha especialización na que o barranquismo está a cobrar gran protagonismo nos últimos anos.
A sesión, na que participaron 13 persoas, entre as que estaba o alcalde, Andrés Díaz, forma parte do acordo coa empresa Galaicaventura, que opera de xeito regular durante todo o ano e goza de facilidades para utilizar espazos municipais como centro de recepción e servizo de vestiario. O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) organiza, a cambio, convocatorias gratuítas para a veciñanza caldelá.
Os datos da empresa operadora indican que o barranco do Verdugo, formado por tres cascadas consecutivas nunha paisaxe rochosa, experimenta un importante crecemento, o que significou dobrar o número de grupos que se desprazaron ao longo deste verán para achegarse ou perfeccionar a práctica desta modalidade.
O descenso do barranco, cunha duración de case catro horas, non require de coñecementos previos, pois os monitores dan todas as instrucións precisas e achegan o equipamento necesario. A seguridade é a máxima prioridade na totalidade do percorrido e todos os puntos dificultosos contan con alternativas máis doadas.
Esta zona do río Verdugo, en Ponte Caldelas, é o lugar de adestramento da Garda Civil de Montaña para simular situacións de rescate.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.