O Big Jump, gran novidade do circuito mundial Dirt Jum de O Marisquiño 2019

Publicado por o día 13/06/2019 na sección de Galicia,Vigo

O Big Jump, gran novidade do circuito mundial Dirt Jum de O Marisquiño 2019
A Copa do mundo de Dirt Jump FMB “Gold Event” volve ao O’Marisquiño máis forte que nunca este 2019. Os mellores riders do mundo volven a Vigo os días 9, 10 e 11 de agosto para disputarse os 15.000€ en premios e o pase para a final do FMB en Crankworx, Whistler (Canadá), seguinte proba do circuíto.
 
Pero este 2019 vén cargado de novidades na sección do Dirt Jump entre elas a construción dunha nova recepción xigante de “Airbag” para o concurso de “Best Trick”. Os riders xogaranse o truco máis tolo do Festival nun megasalto de máis de 8 metros de altura e 10 m de longo, aterrando coa bicicleta sobre a recepción branda de airbag. Unha espectacular rampla de 8 metros de altura servirá para que os mellores bikers a nivel mundial poidan coller velocidade suficiente e realizar os seus mellores trucos. Trátase dun salto xamais construído no noso país e que contará nesta primeira edición cun premio de 500 euros.
 
Esta exhibición do Best Trick realízase como un complemento da competición oficial de categoría Gold e terá lugar no mesmo espazo do Paseo das Avenidas. Usarase unha torre de saída que contará coa competición de Dirt Jump, por unha banda, e o espectacular salto Best Trick, polo outro, aínda que terán horarios alternos para que ninguén se perda o que promete converterse nunha das novidades máis espectaculares da edición de 2019 de O Marisquiño.