O Bloque Nacionalista Galego comprometeuse a facer valer a cidade de Vigo no Congreso a partir do 10N. Así o asegurou o candidato número dous pola circunscrición de Pontevedra, o vigués Xesús L.Carreira, que compareceu esta mañá en rolda de prensa canda a ex deputada e candidata, Olaia Fernández Davila, e mais o portavoz municipal do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas.
Carreira apelou a “sumar en positivo co BNG fronte ao fracaso das forzas políticas estatais”, criticando que nos últimos catro anos se teñan realizado catro eleccións e que se mantivesen practicamente intactas as reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións, a LOMCE ou a Lei Mordaza.
Aliás, o candidato nacionalista denunciou a “total invisibilidade” de Galiza na axenda política española por causa de carecer o noso País dunha representación “de seu, soberana e sen máis subordinación nin dependencia que aos intereses dos galegos e das galegas”. Nese sentido, o exconcelleiro en Vigo, puxo en valor que a candidatura do Bloque é unha “candidatura de País” e a única “netamente galega na súa práctica”, e reivindicou a traxectoria do BNG nas cortes españolas.
Acabar co abandono de Vigo
Pola súa parte, o portavoz municipal do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, criticou a “farsa” na que volven incorrer as forzas estatais ao falar das necesidades de Vigo. “Vemos dun lado a quen quere presentar a Pedro Sánchez como o presidente que máis fixo por Vigo malia non ter feito practicamente nada, e doutro a quen até hai nada calaba os incumprimentos dos seus gobernos en Madrid con Vigo e con Galiza esixir o que antes non pedían”, manifestou en alusión aos dirixentes locais de PSOE e PP.
“A defensa de Vigo non pode estar condicionada pola cor política de quen ocupa a Moncloa”, reclamou, comprometendo que “o BNG sempre defendeu os intereses desta cidade gobernase quen gobernase e volveremos facelo”. O edil nacionalista afeou tamén o que cualificou de “propaganda e fume” por parte do PSOE en relación ao tratamento que recibe a principal cidade de Galiza por parte do Goberno do Estado. “O compromiso con Vigo non son nin fotos, nin declaracións, nin convenios de papel mollado. O compromiso con Vigo onde se tiña que demostrar era no BOE, e estes anos vimos que cos gobernos do PP e do PSOE a cidade ficou desatendida”, remachou.
Igrexas enumerou algunhas das cuestións de cidade que foron “reiteradamente ignoradas” polo executivo español. Entre outras citou a non prolongación da A52, a falla de conexión ferroviaria do porto de Vigo coa Plisan, que non se apostase por desenvolver o potencial de Peinador -con mellores accesos e cunha área loxística-, a falla de investimento para completar a rexeneración integral da Ría ou a “eterna tomadura de pelo” cos prazos de chegada do AVE ou a inexistencia de vontade para poñer en marcha a saída Sur que conecte a cidade con Portugal.
Aliás, denunciou a “deliberada inacción” diante da grave crise laboral e produtiva que vive a cidade e a súa área. A este respeito, Igrexas asegurou que “co BNG de novo no Congreso haberá dunha vez por todas unha voz firme para esixir que se declare a construción naval sector estratéxico, para poder despregar a necesaria intervención pública que garanta a súa continuidade, ou a posta en marcha dunha tarifa eléctrica industrial galega que, como xa sucede en Euskadi, permita ao noso tecido produtivo competir con menores custes enerxéticos e non a costa de baixos salarios e precariedade”.
O concelleiro do Bloque subliñou que a experiencia histórica acredita que “cada vez que o BNG tivo un voto determinante no Congreso logramos obrigar o Goberno español a investir máis en Vigo e en Galiza”, citando por exemplo a EDAR do Lagares ou o aumento das partidas destinadas ao AVE que fican “conxeladas desde a perda do escano do BNG en Madrid”. Igrexas contrastou ese compromiso “real e non de palabra” das nacionalistas co feito de que PSOE e Unidas Podemos quixesen aprobar uns orzamentos xerais do Estado que lle quitaban a Galiza “2 de cada 10 euros de investimento” .
Chamamento ao voto
Tomando como referencia os inquéritos que coinciden en sinalar as opcións reais de que o BNG logre representación na cámara baixa, Igrexas fixo un chamamento explícito ás viguesas e vigueses a facer posíbel que a presenza do BNG sexa decisiva. “Se as viguesas e os vigueses suman os seus votos no BNG non só garantiremos que Vigo e Galiza volvan ter voz propia no Congreso senón que podemos lograr que sexa máis dunha voz”, enfatizou aludindo á posibilidade obter tamén un escano pola circunscrición de Pontevedra, para o que os votos da cidade serán “decisivos”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.