O Bloque pide o apoio do Concello de Vigo á Iniciativa Popular ‘Xabarín’

A fronte nacionalista trasladou unha proposta de Declaración Institucional para adherir á petición de máis contidos infantís en galego na TVG, que foi vetada polo PSOE.

O Bloque Nacionalista Galego vén de demandar que o Concello de Vigo exprese formal e publicamente o seu apoio á Iniciativa Popular “Xabarín”, que promove a Mesa pola Normalización Lingüística e que demanda o aumento da programación infantil e xuvenil en lingua galega na TVG a través, entre outros, dunha canle 24h.

“Segundo os últimos datos estatísticos oficiais en Vigo apenas o 5% das familias é galego falante, porén máis do 50% das viguesas e vigueses demandan máis contidos en galego na televisión”, explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas.

Igrexas xa defendeu na última Comisión Informativa de Normalización Lingüística que o Concello se adherise á iniciativa, como xa fixeron outros municipios. Aliás, a fronte nacionalista trasladou á  Xunta de Voceiros, decorrida onte, unha proposta de Declaración Institucional neste mesmo sentido, que finalmente non foi incorporada na orde do día do vindeiro Pleno polo rexeitamento do grupo municipal do PSOE.

“Non podemos entender o veto do PSOE a unha proposta que o que pretendía era apoiar que as familias teñamos a opción e posibilidade de ofrecer máis contidos audiovisuais na lingua propia e oficial do noso País ás nosas crianzas”, reprochou.

Desde a fronte nacionalista lamentan a política de continuado desprezo e invisibilización do galego que practica o Goberno municipal de Abel Caballero e subliñan a necesidade dun compromiso real a prol súa plena normalización.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM