O Bloque propón a gratuídade do autobús urbano a todas as persoas menores de 14 anos

Demandan tamén que se alargue o período de transbordo gratuíto a 60 minutos, que se garanta a conexión dos barrios e parroquias, a obrigatoriedade de que existan tarifas bonificadas, máis participación no deseño do servizo e que se estuden fórmulas para permitir o acceso de animais de compañía.
Publicado por o día 20/11/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O Bloque propón a gratuídade do autobús urbano a todas as persoas menores de 14 anos

Bloque Nacionalista Galego deu conta esta mañá en rolda de prensa das 15 emendas formuladas ao Proxecto de Regulamento de Transporte de Viaxeiros por Autobús da cidade. En rolda de prensa, o concelleiro Xabier P. Igrexas, defendeu a necesidade de “apostar decididamente polo transporte colectivo para revolucionar a mobilidade da cidade”.

Igrexas cuestionou a “consulta pública” realizada no mes de xullo toda vez apenas se recolleu ningunha das achegas que realizaron cidadás e cidadás e colectivos sociais. “Dixemos daquela e hoxe fica demostrado que era unha consulta farsa, que se quería dar aparencia de participación para logo non ter en conta nada do que se propuxese”, criticou.

A primeira cuestión que abordan nas súas alternativas é a de que o Regulamento non feche a posibilidade de que o servizo do autobús urbano poida ser xestionado de maneira directa e cento por cento pública. “A actual redacción quere facer irreversíbel que o servizo teña que ser fonte de lucro para empresas privadas e a posición do BNG é a de que temos que abordar a serio o debate sobre a remunicipalización deste e doutros servizos privatizados”, contrapuxo Igrexas.

Nas emendas nacionalistas propoñen a gratuídade do autobús urbano para todas as persoas menores de 14 anos, fronte aos actuais 4 anos, “tal e como xa se está a facer noutras cidades galegas”. Tamén queren que o regulamento recolla a obrigatoriedade de que existan tarifas bonificadas. Outra da cuestións suxeridas é estender o dereito a un transbordo gratuíto, facendo uso da tarxeta Pass, até os 60 minutos en troca dos actuais 45.

Co obxectivo de apostar nunha mellor integración e para gañar en seguridade e confortabilidade, o Bloque defende que se dupliquen o número mínimo de prazas reservadas para persoas de mobilidade reducida, persoas idosas e embarazadas, de 4 a 8, e que se garanta un mínimo de 2 prazas para cadeiras de rodas ou infantís en todos os autobuses.

Unha das cuestións que subliñou Igrexas é a necesidade de maior participación no deseño do servizo e singularmente na definición do novo mapa de liñas. Neste sentido, propoñen que sexa preceptiva a consulta e informe do Consello Sectorial de Transporte do Concello, como máximo órgano consultivo e no que están representados os sectores implicados, sindicatos e movemento veciñal.

Tamén enfatizou o portavoz nacionalista a importancia de que no Regulamento, que será o marco normativo sobre o que elaborar o novo prego de concesión do servizo, se recolla que as condicións do mesmo garantirán “a adecuada e suficiente conexión dos barrios e parroquias e tamén coas infraestruturas básicas (centros sanitarios, educativos, estacións de tren, estación de buses, aeroporto, porto, etc.)” facendo que prevaleza o servizo público “sobre parámetros de custo-efectividade ou de previsión de rendibilidade económica” das liñas. “Do que se trata é de garantir un servizo en condicións para toda a cidade, sabendo que haberá liñas con menos capacidade de ingreso pero non menos necesarias”, explicou.

O Bloque recolle tamén a demanda dos colectivos animalistas e propón unha emenda na que se recolla que o Concello poderá estudar e implementar fórmulas que permitan o acceso de animais de compañía, e non unicamente cans-guía, aos autobuses garantindo a seguridade e as condicións hixiénico sanitarias. “Vemos como en moitas cidades do Estado e de Europa se está a permitir que no bus poidan acceder animais domésticos sen necesidade de ir nun transportín, Vigo non pode quedar atrás e ten que dar resposta a esa crecente demanda social”, defendeu o concelleiro.

No capítulo das sancións apostan por non aplicar multa económica a quen exerza a mendicidade nos autobuses. “Entendemos e compartimos que se prohiba practicar a mendicidade no interior dos buses, pero parécenos irracional que se multe con 100 euros a quen está pedindo para poder comer”, explicou. Tamén defenden que se reduza a contía da sanción por non portar billete a 30€, ou 50€ no caso de reincidencia no mesmo mes, fronte aos 100 euros que propón o Goberno municipal. “As multas teñen que ser un mecanismo de coerción pero non unha vía de recadación”, sosteñen.

Comentar noticia

Your email address will not be published.