- – Presentaron no Concello as súas propostas para as ordenanzas fiscais as rendas máis baixas.
- – As emendas nacionalistas inclúen novas bonificacións e exencións para do vindeiro ano co obxectivo de avanzar cara a unha fiscalidade municipal socialmente xusta.
Esta mañá o Bloque Nacionalista Galego presentou, a través do rexistro municipal, as súas propostas de cara á confección das ordenanzas fiscais do vindeiro exercicio 2016. O Responsábel de Política Institucional, Serafín Otero, defendeu a necesidade de “avanzarmos cara a unha fiscalidade municipal socialmente xusta”.
As emendas que o BNG formula ás actuais ordenanzas en vigor teñen como obxectivo fundamental “equilibrar o esforzo que a veciñanza ten que facer en impostos e taxas municipais”. Desta maneira, o groso das propostas nacionalistas consiste en ampliar as bonificacións e exencións nas principais ordenanzas. “Entendemos que neste contexto de emerxencia social e grave crise o xusto é que quen menos ten pague menos” explicou Otero. Desde a fronte nacionalista defenden estas bonificacións e exencións permitirán tamén “o acceso a servizos básicos como o transporte colectivo, escolas infantís, centros de día, IMD, ensinanzas deportivas ou o acceso a museos”.
Entre as propostas inclúese a eliminación do pago de xuros no caso de aprazamento ou fraccionamento no abono das taxas e impostos. Propoñen tamén que todas as exencións e bonificacións, as xa previstas e as que se incorporen, teñan como referencia como mínimo o 50% do salario mínimo interprofesional (o 75% para as familias numerosas), o que suporá elevar o limiar económico permitindo que sexan máis as persoas que se beneficien destes descontos.
Vivenda
A vivenda é un dos ámbitos que merece maior atención para o BNG. Nese sentido, defenden que se fixe unha bonificación do 95% sobre o IBI ás vivendas destinadas a residencia habitual para unidades familiares da persoa titular con ingresos brutos anuais per cápita inferiores a 1.130,10€. No caso de que os ingresos per cápita estivesen entre 1.130,10€ e 2.260,20€ a bonificación proposta polas nacionalistas será do 75%.
Ademais, propoñen que se aplique un recargo do 75% no IBI ás vivendas desocupadas que non sexan ofertadas en alugueiro nalgún plan ou programa público. Estas medidas permitirán facilitar o acceso social a un ben básico como é a vivenda penalizando a súa desocupación. “Esta cidade non pode permitirse ter milleiros de vivendas baleiras mentres hai xente que non ten teito ou que está en risco de perder o que ten” explican.
Outros cambios no IBI é bonificar nun 95% á Universidade de Vigo e tamén aos bens inmobles pertencentes a entidades sen ánimo de lucro e destinados a actividades de carácter social, recollendo unha histórica reivindicación dos colectivos sociais. O Bloque volve reclamar que a Igrexa Católica pague o IBI dos edificios que sendo da súa propiedade non estean exentos no acordo subscrito entre o Goberno español e a Santa Sede.
Dentro das medidas sociais incluídas nas emendas nacionalistas está a exención das taxas de centros de día, escolas infantís, ensinanzas especiais e IMD, para quen teña ingresos por baixo do 85% do salario mínimo interprofesional.
Bus gratuíto para persoas desempregadas
A fronte nacionalista, propón unha revisión das tarifas do autobús urbano. A ese respecto defenden a creación dun novo Bono Social II que sexa gratuíto para as persoas desempregadas de longa duración. Propoñen tamén a conxelación tanto do prezo do billete ordinario como de todos os bonos, suxerindo que se reduza nun céntimo o actual bono social para o equiparar ao bono universitario (0,65€). En relación ás persoas pensionistas a proposta do BNG formula que se eleve o tope para ser beneficiarias do bono pensionista II ao 120% do SMI, “por ser un importe que se aproxima máis á pensión media”.
O Bloque volve reiterar a necesidade dun novo sistema tarifario do consumo da auga, en función do consumo real, que bonifique o aforro e penalice os grandes consumidores.
Apoio ao pequeno comercio
Outra das liñas incluídas na súa alternativa é axustar as taxas para apoiar ao pequeno comercio. Nesa dirección insírense as propostas de reducir a taxa do lixo nun 5% aos locais comerciais de menos de 50 m2 e reducir as taxas de licenza de actividade e instalación nun 10% para os locais de até 500 m2.
En troca, defenden que se aumente nun 10% a taxa de licenza para os locais de máis de 501 m2 e unha suba 5% no IAE, imposto que só pagan as empresas con máis dun millón de euros de facturación.
PRENSA BNG VIGO
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.