– Exixen a Xunta e Concello de Vigo que deixen de xogar coa saúde como arma partidista e cooperen para resolver as graves deficiencias do HAC.
Para o BNG de Vigo o clamor social que a semana pasada deu lugar a unha manifestación histórica e multitudinaria, supón unha emenda á totalidade por parte da veciñanza ao modelo privatizador da sanidade imposto polo Partido Popular. En opinión das nacionalistas, a mensaxe que enviaron as 200.000 persoas que se manifestaron a prol dun hospital cento por cento público, con todas as garantías e servizos, só será posíbel a través do rescate da concesión privada que actualmente rexe o centro hospitalario.
Nese sentido, o Bloque reitera a urxencia de iniciar o proceso para recuperar a xestión pública de todos os servizos, sanitario ou non, do novo hospital e no que se resolvan ademais as graves carencias dotacionais e os problemas de organización que denuncia o persoal sanitario. “A única solución real e completa para as graves deficiencias do Hospital Álvaro Cunqueiro é que sexa cento por cento público e cunha xestión cento por cento pública, orientada a prestar o mellor servizo e non a facer negocio” defenden.
Diante da posibilidade de se retomar o traslado hospitalario ao Álvaro Cunqueiro a partir do próximo día 21, defenden que antes de reinicialo é preciso esclarecer publicamente todas as deficiencias sanitarias, construtivas e de funcionamento que presenta o HAC, para o que propoñen a creación dunha Comisión de Investigación. Do contrario, para a Executiva Local do BNG, estaríase reincidindo na irresponsabilidade coa que xa se iniciara, de maneira precipitada e por intereses electoralistas, a posta en marcha do novo hospital.
“Antes de trasladar a actividade cirúrxica e a máis doentes é indispensábel que se disipe calquera dúbida sobre a falla de garantías sanitarias” sinalan, en referencia á alarma social provocada após a suspensión do traslado por parámetros de contaminación aérea.
Lea partidista
Por outra banda o Bloque Nacionalista Galego exixe tanto á Xunta de Galiza, como primeira responsábel, e ao Concello de Vigo, que deixen de utilizar unha cuestión tan grave como arma para a confrontación partidista. Desde o BNG lembran que foi o pacto entre o PSOE e o PP para a aprobación dos últimos orzamentos municipais o que fixo que o Concello asumise as acometidas que permitiron a apertura do HAC, a sabendas do seu modelo privatizado e da existencia dun aparcadoiro de pago. Unha medida que contou sempre co rexeitamento do BNG e que mereceu o reproche dos colectivos en defensa da sanidade pública, polo que supuña de colaboración cun modelo hospitalario rexeitado masivamente pola veciñanza da cidade e da área sanitaria de Vigo.
As nacionalistas defenden que Xunta e Concello deben cooperar e traballar conxuntamente para resolver cuestións como son a accesibilidade ao novo hospital ou o aparcadoiro. “Nin os vigueses e viguesas temos un transporte urbano adecuado ás necesidades de atención sanitaria nin as persoas de fora do concello poden usalo, pois non existe”, critican. Por iso defenden que a colaboración estreita de despregue de liñas urbanas e interurbanas complementarias axudaría a resolver o acceso ao novo hospital e non estar obrigado a utilizar o transporte e o aparcamento privado, así como a colaboración para garantir un aparcamento público serviría para eliminar un “repago” indirecto pola prestación sanitaria.
A denuncia da insuficiente conexión por transporte colectivo, nomeadamente urbano, co HAC foi trasladada ao Parlamento Galego no día de onte pola deputada nacionalista Carme Adán.
PRENSA BNG VIGO
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.