O BNG advirte que a empresa de ambulancias contratada polo Concello de Vigo para a campaña de nadal foi denunciada por irregularidades

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, dirixiu un escrito á concelleira delegada de Seguridade, Elena Espinosa, instándoa a dar indicacións precisas para garantir que o servizo se presta conforme a normativa e se garante a atención sanitaria de emerxencia nas debidas condicións.
Publicado por o día 25/11/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG advirte que a empresa de ambulancias contratada polo Concello de Vigo para a campaña de nadal foi denunciada por irregularidades

Após recibir informacións a respeito da contratación polo Concello de Vigo, a través dun procedemento negociado sen publicidade, da empresa Ambulancias Coexam SL para atender o servizo de ambulancias e sanitarios da campaña de nadal 2019-2020, o BNG advertiu o Goberno municipal que a empresa ten sido denunciada por práctica irregulares na prestación dos seus servizos. Así llelo trasladou o concelleiro do Bloque, Xabier P. Igrexas, a través dun escrito dirixido á concelleira delegada de Seguridade, Elena Espinosa, esta mesma mañá.

Igrexas fai referencia no seu escrito, presentado por rexistro municipal e que tamén remitiu por correo electrónico á propia Espinosa, ás denuncias presentadas polo sindicato CIG por feitos graves como que Coexam faga uso de vehículos non habilitados para a asistencia sanitaria de persoas en situación de emerxencia e que as súas ambulancias non están dotadas co persoal cualificado necesario. Esta situación xa é coñecida polo Concello desde o pasado mes de xullo sen que se coñeza que se adoptase ningunha medida e despois de que Espinosa se negase a recibir os responsábeis da CIG.

Por outra parte, o concelleiro nacionalista advirte tamén de que a empresa podería ter incorrido nunha posíbel baixa temeraria na súa oferta económica para facerse co contrato, xa que o importe presentado non sería suficiente para satisfacer os gastos derivados dunha correcta prestación do servizo.

“Falamos do servizo de ambulancias e da atención sanitaria de emerxencia precisamente diante de actividades que se prevén cunha grande afluencia”, enfatiza Igrexas. O portavoz nacionalista chama ao Goberno municipal a “actuar con responsabilidade”. No concreto, demanda que “con carácter inmediato e urxente proceda a dar as indicacións necesarias ao servizo de Seguridade e á Policía Local para realizar as inspeccións precisas” que aseguren que a prestación do servizo  de ambulancias e sanitarios durante toda a campaña do nadal 2019-2020 se realiza con estrito cumprimento das condicións contratuais e da normativa de aplicación, singularmente no que ten a ver coa homologación dos vehículos de emerxencia e coa súa dotación de persoal.

 

A fronte nacionalista tamén solicita que se lle dea acceso ao expediente completo da contratación do servizo, para coñecer os pormenores desa adxudicación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.