O BNG advirte que as condicións do novo rescate por parte da UE serán lesivas para as clases populares e para a Galiza

Néstor Rego salientou que as reformas sempre agochan recortes de dereitos sociais e de calidade de vida e que afecta sempre en primeiro lugar as clases populares e os de Países xa castigados pola súa situación de dependencia como a Galiza.
Publicado por o día 29/07/2020 na sección de BNG,Política

O BNG advirte que as condicións do novo rescate por parte da UE serán lesivas para as clases populares e para a Galiza

O deputado do BNG, Néstor Rego, denunciou durante a súa comparecencia no Congreso que o Estado español está a ser rescatado novamente pola Unión Europea. “Vai recibir uns fondos que haberá que devolver dun xeito ou doutro. Unha parte vía devolución do prestado e outra a través da aportación ao orzamento comunitario, recibindo menos noutras partidas” salientou o deputado nacionalista.

Esta redución de partidas xa se pode visibilizar na anunciada baixada de 10% dos fondos da Política Agrícola Común e previsiblemente ocorrerá o mesmo cos fondos de cohesión. O BNG advirte que en ambos casos, estamos diante dunha situación gravemente lesiva para a economía do noso país, da Galiza.

Néstor Rego criticou que na sesión plenaria de hoxe o Goberno español intente vendernos o que xulgan positivo, a inxección de recursos que supón. “Mais quedará para outro momento estabelecer cales van ser as reformas, ese eufemismo que sempre agocha recortes de dereitos sociais e de calidade de vida e que afecta sempre en primeiro lugar as clases populares e de maneira máis importante, os de Países xa castigados pola súa situación de dependencia como a Galiza” enfatizou.

O BNG considera que fronte ao triunfalismo exhibido, este rescate non supón realmente un cambio de paradigma. Néstor Rego destacou que a Unión Europea non muda a súa posición respecto dunha verdadeira mutualización da débeda a través de coronabonos, nin ao rol do Banco Central Europeo, nin a posibilidade de revisar a débeda dos países máis golpeados pola COVID-19 a través de quitas ou débeda perpetua. “Na Unión Europea o mercado sempre prevalece sobre a sociedade e esta non é unha excepción. Se hoxe se toman estas medidas non é por solidariedade, senón para salvar o mercado interior da Unión Europea” explicou.

Os nacionalistas estiman que os 140.000 millóns que recibirá o Estado español quedarán curtos para facer fronte á crise de liquidez que vivirá nos vindeiros anos, para cubrir o déficit público e o refinanciamento da débeda e para atender as consecuencias da emerxencia sanitaria nunha das economías máis vulnerábeis á COVID-19 ao ser excesivamente terciarizada e hiperdependente do turismo.

Intervención pública de Alcoa San Cibrao

O BNG considera que o feito de que a metade sexa en subsidios condicionados, limitará a capacidade de atender o urxente, a situación dos millóns de persoas afectadas pola crise social e económica. Rego aproveitou para preguntar unha vez máis se se empregarán estes recursos para intervir e nacionalizar empresas estratéxicas en crise, como é o caso de Alcoa San Cibrao, lembrando que toda unha comarca continúa clamando por que “As cubas non se paran” e “Alcoa non se pecha”.

O deputado nacionalista salientou que o BNG estará atento as incógnitas que quedan por resolver, especialmente como se van repartir estes recursos de forma que se faga con xustiza e compensando os déficits históricos de Países como Galiza.

Comentar noticia

Your email address will not be published.