O BNG, alega contra Plan Estratéxico do Porto.

Por o 05/11/2018 | Sección: BNG,Galicia,Política,Redondela
O BNG, alega contra Plan Estratéxico do Porto.

Na mañanciña do venres 2 de novembro, o voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González Campo, acompañado de varios membros da organización de Redondela e Vigo, presentou na sé da Autoridade Portuaria, varias alegacións sobre o documento do Plan Estratéxico do Porto de Vigo. “Damos un paso máis dende a nosa organización, para rexeitar a utilización destos terreos por parte do Porto”, afirmou o edil nacionalista.

Recorda como ademáis de presentar unha moción no Pleno do Concello de Redondela, forzando a que Javier Bas rexeitara algo que apoiara no Consello de Administración da Autoridade Portuaria, presentáronse varias preguntas no Parlamento Galego, e no Parlamento Europeo, para coñecer a postura das diferentes administracións. “Queda sen tocar o Congreso dos Deputados, onde @s representantes eleitos tamén polos redondeláns, están caladiños”, en clara alusión aos representantes de PP, PSOE, Mareas.

“Adúcese no Borrador do Plan, que o medre industrial da cidade de Vigo e a súa área, supón lexitimar calquera tipo de actuación, sen facer referenza á degradación medioambiental que isto supón”, considera Xoán Carlos González. “Máis tarde afírmase que o de contedores, constitúe o negocio máis lucrativo para os vindeiros anos, poñendo a súa vista nos terreos infrautilizados do interior da Ría de Vigo”.

Considera o edil do BNG que recuperar case 20 hectáreas para servizo, incluíndo os terreos de Duchess, Vieira e de Pedra, ata Punta Soutelo, castigarían este espazo singular e de difícil equilibrio medioambiental, ubicados en plena Rede Natura 2000. “Un dos retos dos procesos industrializadores e comerciais constitúeo o feito do respeito dos entornos naturais, e non únicamente poñer etiquetas de Crecemento Azul, como se fai dende a Autoridade Portuaria, para recibir os parabéns en Europa. Todo o contrario este Ente debe poñer cartos enriba da mesa para recuperar a beiramar de Redondela”, considera.

Entre as súas alegacións o voceiro do BNG recolle que o texto se redacte tamén en galego, e se respeite a toponimia; que se abandoe a proposta de ocupar os terreos de Duchess, Vieria e Almacén de Pedra; que se abandoe a proposta de desmontar o Cargadoiro de Mineral, recuperando como peza singular para o fomento do turismo industrial; que se desenvolva a PLISAN, para un reordeamento dos espazos portuarios”.

Finalmente considera que o Partido Socialista debe presionar, para que dende o Ministerio de Fomento se frene as pretensións de López Veiga, a quen califica de “depredador medioambiental”. “Temos que ser o movemento veciñal, e a oposición quen faga o traballo que tiña que realizar o alcalde de Redondela Javier Bas, quen no canto de opoñerse deu o seu apoio a este proxecto que pode sentenciar a xa máis que degradada riqueza da Enseada San Simón”.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.