O BNG anuncia unha “oposición parlamentaria firme” acompañada de alternativas que respondan aos intereses da cidadanía galega

Solicitará a comparecencia da conselleira de Educación ante o inicio dun curso escolar marcado polas consecuencias da COVID 19 e exixirá todas as garantías para que as escolas sexan “espazos seguros”
Publicado por o día 17/08/2020 na sección de BNG,Política

O BNG anuncia unha “oposición parlamentaria firme” acompañada de alternativas que respondan aos intereses da cidadanía galega

A viceportavoz  do grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil adiantou hoxe, tras a primeira xuntanza de portavoces celebrada no Parlamento galego, que os 19 deputados e deputadas nacionalistas manterán mañá unha xuntanza ao fin de establecer as liñas de traballo parlamentario nun contexto excepcional marcado pola pandemia da COVID 19. Rodil destacou que a actividade no Parlamento galego debe priorizar “a crise económica e  social,  a situación sanitaria e o comezo do curso escolar”. Nesta liña anunciou que o BNG realizará unha “oposición firme e contundente” acompañada de  alternativas que respondan aos intereses e inquedanzas da cidadanía galega.

Dende o BNG, dixo, queremos mellorar a situación dos traballadores e traballadoras do noso país pero tamén queremos amosar a nosa preocupación “polos gromos que se están a rexistrar nas últimas semanas en Galiza” e que cada día continúan medrando con casos positivos. Esta repunta, sobre todo na área sanitaria da Coruña,  non está recibindo unha resposta por parte da Xunta de Galiza porque o  PP, explicou Rodil, continua instalado  na “improvisación e botando balóns fóra” a pesar de contar con todas as competencias nesta materia. “A Xunta, o PP e Feixóo están a derivar a súas responsabilidades noutras administracións” cando, os concellos non son  autoridade sanitaria nin contan con recursos para enfrontar a crise, reiterou.

Neste sentido, lembrou que o BNG xa solicitou a  comparecencia do conselleiro de Sanidade para explicar as medidas e protocolos de rastrexo de novos casos da COVID 19 porque seguimos asistindo a “un baile de cifras” dun día para outro pasando dos 200 aos 6.000. Queremos saber cales son os datos reais sobre todo ante a preocupación das  familias polo  comezo do curso escolar.  A parlamentaria do BNG criticou que os nenos e nenas ocuparán  ás aulas proximamente e onte o conselleiro de Sanidade pedía ao goberno central un protocolo. Ao BNG parécelle “unha irresponsabilidade” e unha tomadura de pelo a toda comunidade educativa que leva mobilizándose dende hai semanas contra o protocolo aprobado unilateralmente polo Partido popular na Xunta de Galiza. Unha vez máis, recalcou Rodil, comprobamos como o goberno galego “bota balóns fóra” e non exerce as súas competencias.

Rodil anunciou que o BNG volverá a rexistrar a petición de comparecencia da Conselleira de Educación para que explique as medidas ante o inicio do curso e un protocolo educativo que conte co consenso do profesorado, as  direccións dos centros   e das nais e pais así como todas as garantías para que as  “as escolas sexan espazos seguros”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.