O BNG apoia a demanda da CIG para modificar o sistema de gardas nos xulgados de Instrución de Vigo e Coruña e amplialas a 24 horas, en ambas cidades

Luís Bará apoia a reivindicación sindical reclamada pola sección Territorial de Xuíces e Xuízas para a democracia en Galiza e demanda un informe favorable do vicepresidente, Alfonso Rueda para ampliar a 24 horas as gardas dos xulgados de instrución en Vigo e Coruña

Nunha rolda de prensa conxunta co portavoz do Grupo Mixto-En Marea, Luís Villares, o portavoz de xustiza do BNG, Luís Bará apoiou a demanda da CIG para modificar o sistema de gardas nos Xulgados de Instrución nas cidades de Vigo e Coruña coa ampliación de 24 horas en ambas cidades.

Bará explicou que a Resolución do ano 2003 da Secretaria de Estado de Xustiza ditou instrucións sobre xornada e horarias no ámbito da Administración de Xustiza establecendo servizos de garda en partidos xudiciais con 8 ou máis xulgados de Instrución. Na actualidade, os servizos están cubertos con periodicidade semanal, en xornada partida de nove a catorce horas e os domingos e festivos cunha hora máis e en situación de localización para atender as incidencias que se poidan suscitar.

Bará considerou que o incremento de gardas de 24 horas supón “un servizo continuado para poder acudir aos xulgados a interpor unha denuncia, dar fluidez ao xulgado de garda e evitar detencións prolongadas”.

O BNG pide un informe favorable da Xunta para ampliar as gardas.

O deputado do BNG instou ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda a que emita, no prazo dun mes, “un informe favorable a esta modificación” e mostrou a súa sorpresa ante a resposta do Partido popular que afirmou descoñecer a demanda. “ Non sabemos, dixo, se esta resposta é para tapar a pasividade do Goberno galego” sobre todo, “despois de ser tramitada a demanda cos informes xurídicos correspondentes e apoiada por todas as organizacións sindicais”.

Bará anunciou que si Rueda non emite o informe, o BNG volverá a traer ao Parlamento esta demanda para seren debatida en comisión ou en pleno para “forzar ao goberno a apoiar a medida”.

O portavoz de Xustiza do BNG reiterou que todas todos os partidos xudiciais con 8 ou 9 xulgados de Instrución prestan 24 horas de garda diaria, agás Coruña e Vigo e dende o 18 de marzo deste ano e coa incorporación de partido xudicial de Córdoba ao sistema , as dúas cidades galegas son as únicas con oito xulgados de instrución e gardas semanais, o que a seu xuízo representa “unha discriminación”.

Segundo o Consello Xeral do Poder Xudicial , recalcou Bará, o trámite para modificar o sistema de gardas “só está pendente da emisión de informes do Ministerio de Xustiza e da Xunta”. O nacionalista volveu a reclamar o informe do Goberno galego para avanzar nunha demanda que busca “mellorar o servizo e reverte nunha maior calidade da xustiza”.

O portavoz de Xustiza do BNG, Luís Bará e o portavoz do Grupo Mixto, Luís Villares compareceron ante os medios de comunicación acompañados por representantes da CIG Xustiza.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario