O BNG aposta por axudas de 2.000€ da Xunta a autónomos e autónomas e pequeno comercio para paliar a crise da COVID-19

Publicado por o día 28/05/2020 na sección de BNG,Política

O cabeza de lista do BNG Luís Bará reuníuse onte con varias asociacións de comerciantes de Vigo para recoller as súas demandas e colaborar nunha saída da crise que dinamice o pequeno comercio e o traballo das persoas autónomas. Como medidas principais, Bará puxo sobre a mesa a aposta por unha axuda directa de 2.000 euros por parte da Xunta, así como a aprobación dunha nova Lei Galega do Comercio que permita defender ao comercio de proximidade fronte á competencia desleal das grandes superficies e regule a liberalización de horarios, aperturas en festivos ou o periodo de rebaixas.

No encontro estiveron presentes ademais de Bará o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, xunto con representantes da Asociación de Comerciantes Centro-Príncipe, Comerciantes de Navia, Mercados Municipais, Comerciantes do Xeral, Pereiró, Torrecedeira e As Travesas. O nacionalista destacou que é fundamental que o Goberno galego se poña á fronte das demandas do sector e dos concellos. Destacou que existe unha oportunidade de cambiar a actual situación na cita do 12X, para apostar por un novo modelo de país, “por unha nova Galiza” da man do BNG, e cun modelo económico e social que potencie a economía de proximidade.

Bará salientou a actitude responsable do BNG e a altura de miras sendo unha forza propositiva e colaborativa en todas as institucións. Subliñou que o Bloque plantexou ao goberno galegodo PP medidas en varios ámbitos que non foron escoitadas A principal, co fin de inxectar liquidez inmediata, é a urxente resposta da Xunta con axudas directas de 2.000 euros para compensar os gastos do período de inactividade, tal e como se están a dar noutros territorios do Estado. “A Xunta desentendeuse de adoptar medidas propias, e ten competencias para facelo. Non pode ser que estea desaparecida”, subliñou.

O cabeza de lista tamén defendeu o momento como idóneo para facer unha aposta absoluta do comercio local e de proximidade, así como de modelos urbanos que favorezan que a xente viva, merque e goce dos espazos públicos. Subliñou a importancia de dar un salto na dixitalización e na implantación do comercio electrónico, comezando pola formación. “Unha cousa que puxo en evidencia esta crise é que estamos en cueiros en materia de dixitalización”, destacou.

Manifestou o convencemento, igual que o sector, de que non é o momento de facer campañas de rebaixas. “Non é a prioridade, xa que ese marco favorece ás grandes superficies, que veñen sendo beneficiadas polas políticas dos partidos estatais tanto no que ten que ver coa súa implantación como no marco que as favorece”,

Subliñou que é preciso ir a un marco normativo a nivel europeo, estatal e galego, cunha nova Lei de Comercio que aposte por poñerlle couto ás macrosuperficies e que aposte por un comercio que crea riqueza local e traballo, a demais de revitalizar as vilas e cidades.

Pola súa banda, as e os comerciantes subliñaron que o sector está indignado e síntese abandonado e discriminado. Indicaron que de non darse medidas de apoio inmediatas hai disposición de saír á rúa a protestar, polo que agradeceron o posicionamento claro do BNG en favor do comercio local e de proximidade, así como dun modelo de país e de cidade que xere beneficios locais.

Comentar noticia

Your email address will not be published.