O BNG asume as propostas dos traballadores da Normalización da Lingua no seu programa electoral

CTNL aposta pola promoción da lingua, a estabilización ou creación do servizo de Normalización, e a colaboración con servizos doutros concellos para crear unha programación conxunta.
Publicado por o día 09/05/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Pontevedra

O BNG asume as propostas dos traballadores da Normalización da Lingua no seu programa electoral

A candidatura do BNG por Pontevedra recibiu esta tarde á presidenta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), Anxos Sobriño, que presentou aos candidatos Alberto Oubiña e a Anabel Gulías a proposta que a coordinadora solicita que se inclúa dentro do programa electoral da campaña.

A proposta da CTNL consiste en pór en valor a lingua propia e fomentar o seu uso e prestixio en todas as accións do Concello, e en todos os ámbitos e sectores do municipio. No caso de Pontevedra faríase a través do servizo de Normalización Lingüística, xa creado, para planificar, xestionar, executar e avaliar as accións e medidas axeitadas para o fomento do uso e prestixio do galego.

Outro dos pés da proposta é facilitar a colaboración do Servizo en proxectos supramunicipais desenvolvidos con outros servizos de normalización para optimizar recursos, ideas, experiencias, incorporando o Concello á Asociación de Entidades Locais pola Lingua, á que xa pertence.

Anabel Gulías e Alberto Oubiña trasladaron a intención do BNG en Pontevedra de incluír estas propostas no seu programa electoral, xa que no Concello de Pontevedra agora gobernado polo alcalde Lores xa dispón dun servizo dotado económica e persoalmente, que mantén colaboracións moi activas coa Asociación de Entidades Locais pola Lingua como os programas Apego ou Club de Debate, entre outros.