O BNG celebra en Vigo o Día da Patria cun acto na Praza da Estrela baixo o lema Construíndo unha nova Galiza

Este acto realizarase de xeito simultáneo nas sete grandes cidades con conexión en directo coa Praza da Quintana en Compostela
Publicado por o día 23/07/2020 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG celebra en Vigo o Día da Patria cun acto na Praza da Estrela baixo o lema Construíndo unha nova Galiza

O BNG ven de presentar en Vigo o acto que, gallo do Día da Patria, vai realizar este sábado a partir das 12:00h na Praza da Estrela. Logo, este ano o Bloque organiza un Día da Patria “expansivo e descentralizado” nas sete grandes cidades pero mantendo a compostelá Praza da Quintana como simbólico lugar de encontro, cun aforo limitado a un millar de persoas. De xeito simultáneo, haberá actos nas cidades galegas para conectar telematicamente a través de pantalla con Santiago no momento en que a portavoz nacional, Ana Pontón,  pronuncie o seu discurso.

No acto de Vigo, e previo á conexión coa Praza da Quintana, contarase coas intervencións de Brais Ruanova, responsábel comarcal de Galiza Nova, Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG en Vigo e das deputadas recén electas, Carmela González e Alexandra Fernández.

A presentación do acto de Vigo correu a cargo do responsábel comarcal do BNG en Vigo, Manuel Caride acompañado pola responsábel de Organización na comarca, Manuela Rodríguez e o responsábel comarcal de Galiza Nova, Brais Ruanova.

Durante a presentación Manuel Caride sinalou que “o Día da Patria ten para o BNG un carácter tanto de celebración do día da nosa nación como de reivindicación da soberanía política para Galiza, máxime cando este ano cúmprese o centenario da celebración do 25 de xullo. Por isto animamos a todas as persoas de Vigo e bisbarra que acrediten nunha nova Galiza, inclusiva e con capacidade de decisión sobre o seu futuro, a sumarse o sábado a este acto na Praza da Estrela”.

Con este acto o BNG adapta a celebración do Día da Patria ao contexto COVID19 primando a seguridade sanitaria, tras un proceso electoral no que a formación que lidera Ana Pontón obtivo un resultado histórico, e que a militancia e simpatizantes queren festexar.

Comentar noticia

Your email address will not be published.