O BNG chama a evitar unha nova maioría absoluta e tende a man á veciñanza a se sumar ao seu proxecto en positivo

“Agora que é claro que a dereita non suma e non poderá gobernar Vigo, tendemos a man a todas as viguesas e vigueses para que se sumen ao proxecto en positivo que representa o BNG e evitar dar unha nova maioría absoluta a quen a entendeu estes catro anos como un cheque en branco para gobernar de maneira autoritaria e de costas á veciñanza”, propón o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Por o 21/05/2019 | Sección: BNG,Galicia,Política,Vigo
O BNG chama a evitar unha nova maioría absoluta e tende a man á veciñanza a se sumar ao seu proxecto en positivo
Compartir en:

O BNG volveu insistir onte, nun encontro co movemento veciñal da cidade celebrado na Favec, no seu compromiso para facer de Vigo “unha cidade para o pobo, cos problemas e necesidades reais da veciñanza e dos barrios e parroquias no centro da política municipal”. Para o candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas, hai unha necesidade urxente de volver democratizar a xestión municipal e o Concello de Vigo para poñer fin aos “tics autoritarios” que marcaron os últimos catro anos de goberno municipal cunha “maioría absoluta letal para os colectivos sociais, a pluralidade e a participación”.

Pérez Igrexas tamén incidiu en que hoxe é claro que o Partido Popular non ten ningunha opción de goberno na cidade de Vigo, tal e como reflicten as enquisas, polo que pediu expresamente o apoio ao BNG para que a cidade conte cunha alternativa real e centrada na veciñanza. “O BNG temos demostrado historicamente que sempre fomos unha forza decisiva á hora de frearlle o paso á dereita. Nós nunca permitiremos que o PP de Feixóo, o que privatizou o hospital, lle o que lle nega o centro de saúde a Bouzas e non quere construír o instituto en Navia, volva gobernar Vigo”, remacha Igrexas.

Nese contexto, onde a dereita non suma, “nós facemos un chamamento á cidadanía para evitar unha nova maioría absoluta que volva ser tan letal como o foi estes últimos catro anos”, recorda o candidato nacionalista. “Hoxe vemos como hai un goberno do PSOE que entende a maioría absoluta como un cheque en branco, como unha patente de corso, case que como un dereito de pernada sobre o conxunto da veciñanza, para gobernar de costas á cidadanía e mesmo en contra das veciñas e os veciños”, denuncia Igrexas. E neste escenario o candidato á alcaldía fixo un chamamento a todas as viguesas e vigueses “que non se resignan, que cren que Vigo merece máis” para lograr que unha forza como o BNG, de esquerdas e comprometida cunha democracia real no Concello de Vigo, “teñamos un peso determinante e decisivo na corporación”.

Conscientes que hai catro anos moita xente concentrou o seu voto en Abel Caballero para evitar calquera risco de regreso da dereita, “nós tendémoslle a man a esas persoas para que se sumen a este proxecto aberto e en positivo onde queremos facer cidade, con todas e con todos, a un proxecto de transformación para darlle ese novo impulso que a cidade necesita para facer de Vigo unha cidade para o pobo, unha cidade de iguais e o motor de todo un País”.

Participación cidadá

O candidato do Bloque propón así a posta en marcha dun novo regulamento de participación cidadá, para que non sexa unha opción non escoitar as veciñas e os veciños ou non atender aos colectivos sociais da cidade senón que nos permita avanzar nunha democracia máis participativa. Para iso promoverán a posta en marcha de consellos veciñais de barrios e parroquias e que se mellore o funcionamento dos distintos consellos sectoriais. Igrexas remacha que estes consellos non poden ser unha cuestión meramente ornamental senón que “teñen que converterse en espazos de co-decisión, de poder popular, onde a veciñanza poida participar no deseño das políticas, na avaliación e na execución”, destaca.

Comentar noticia

Your email address will not be published.