O BNG comprométese en Vigo a botar abaixo as reformas das pensións e garantir o dereito a unha pensión pública digna

Por o 17/04/2019 | Sección: BNG,Galicia,Política
O BNG comprométese en Vigo a botar abaixo as reformas das pensións e garantir o dereito a unha pensión pública digna

O candidato do Bloque á alcaldía de Vigo, Xabier P.Igrexas, acompañou ao candidato número 2 ao Congreso, o vigués Xésus López Carreira, nun encontro co Colectivo de Pensionistas e Xubilados/as da CIG, onde avogaron polo “voto útil” o vindeiro 28 de abril para defender as pensións en Madrid.

“A xente ten que saber que o BNG vai ser garantía de que esas reformas que acabaron por empobrecer as pensións públicas e por dificultar o acceso a un retiro digno van ser botadas abaixo”, enfatizou Igrexas.

O BNG de Vigo mantivo un encontro esta mañá co Colectivo de Pensionistas e Xubilados/as da CIG, para lles trasladar as propostas da formación nacionalista para garantir unhas pensións públicas dignas. Na xuntanza participaron Xabier P.
Igrexas, candidato á alcaldía de Vigo e mais Xesús López Carreira, número dous ao Congreso pola provincia de Pontevedra. Desde o Colectivo de Pensionistas da CIG trasladaron a súa preocupación polas ameazas que pairan sob o sistema público de pensións.

López Carreira debullou as principais propostas do Bloque en materia de Seguridade Social e Pensións. Entre as medidas apostan pola transferencia das competencias para poñer enmarcha unha Seguridade Social galega, a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013, reducindo a idade de xubilación até os 65 anos e facilitando a xubilación anticipada aos 61, e elevar a pensión mínima até equiparala progresivamente co Salario Mínimo Interprofesional. Aliás, Carreira deixou claro que o BNG defenderá con firmeza a reversión dos recortes antisociais como o repagamento farmaceútico e exixirán a aplicación efectiva da Lei de Dependencia.

Pola súa banda, o candidato da fronte nacionalista, Xabier P. Igrexas quixo enfatizar en que o voto ao BNG o vindeiro 28 de abril será “o que vai garantir que se boten abaixo as reformas das pensións”, tamén a que impuxo o Partido Socialista atrasando a idade de xubilación ata os 67 anos. “Hai que garantir un sistema público de pensións dignas e os millares de xubilados e xubiladas de Vigo teñen que saber o BNG vai ser garantía de que esas reformas que acabaron por empobrecer as pensións públicas e por dificultar o acceso a un retiro digno van ser botadas abaixo”, enfatizou.

O Bloque recolle así algunhas das propostas trasladadas por este grupo de pensionistas que amosaron o seu malestar perante unha situación que ven urxente resolver: “Dicímolo despois da experiencia de 10 meses de goberno socialista onde nin PSOE nin os seus aliados da chamada esquerda rupturista fixeron nada para garantir unhas pensións públicas dignas”, acrecentou Igrexas.

Compromisos municipais

En clave municipal Xabier P. Igrexas avogou por trasladarlles o seu compromiso como Bloque para que o Concello atenda mellor as necesidades das persoas de maior idade: “Hai cuestións claves, como dotar á cidade dunha residencia de terceira idade pública ou aumentar a oferta de prazas de centros de día que non admiten máis demora. Pero tamén é fundamental poñer en marcha un recurso intermedio como son os pisos tutelados ou pisos compartidos, e o Concello de Vigo ten que tomar a iniciativa”, reclamou Igrexas.

En relación a atención á dependencia, que en grande medida afecta ás persoas maiores, “o Bloque sempre defendemos a necesidade de que en Vigo se poña en marcha un plan municipal de coidados que pasa por alargar programas que xa están en marcha como Xantar na casa e onde hai que facer unha aposta importante por facilitar o acceso ao programa de axuda no fogar, onde é certo que o Concello fai un esforzo importante pero onde hai moitos
xubilados que non poden acceder polo límite que hai de renda”, explicou.

“Entendemos que ten que haber unha política municipal que diante da política de continuos recortes e da absoluta ausencia de políticas por parte da Xunta de Galiza, faga do Concello unha trincheira para garantir os dereitos das nosas xubiladas, xubilados e persoas maiores”,rematou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.