O BNG condena o intento da Xunta para impedir o concerto de Valtonyc no Centro Galego de Bruxelas

Luís Bará aplaudiu a “valente decisión” da dirección do Centro galego de Bruxelas que permitiu a celebración, o 7 de decembro, do festival “12 horas per la LLibertat” na sala La Tentación
Publicado por o día 28/12/2018 na sección de BNG,Política

O BNG condena o intento da Xunta para impedir o concerto de Valtonyc no Centro Galego de Bruxelas

O deputado do BNG, Luís Bará denunciou a campaña de “acoso, mediático  e institucional” contra o centro Galego de Bruxelas  por alugar o espazo cultural La Tentation para celebrar  o festival  “12 horas per la Llibertat” en solidariedade coas persoas presas e exiliadas políticas cataláns.

Bará  “condenou” o intento da Xunta e “do propio, Núñez Feixóo” de tentar impedir que o festival se celebrara. Para o deputado,  a tentativa “falida” da Xunta e de Núñez Feixóo por “dirixir, controlar e condicionar” a actividade do centro da diáspora galega utilizando mesmo “a chantaxe e intimidación”, colide gravemente co carácter democrático e de colaboración  que debe rexer nas relacións entre ambas institucións.  O Partido popular, explicou o nacionalista, non conseguiu o seu fin xa que a directiva do centro acordou que, “os exiliados políticos como o rapeiro Valtonyc” puideran actuar na sala, amparándose no dereito de liberdade de expresión.

O Centro galego de Bruxelas, engadiu,  é un exemplo para a diáspora galega e un centro de desenvolvemento, innovador, integrador e en permanente diálogo con outras culturas polo que preguntou que accións levou a cabo o Goberno galego para impedir o concerto “12 horas per la Llibertat” nas instalacións do Centro Galego de Bruxelas.

Pola súa parte, o Secretario xeral  de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda recoñeceu o malestar da Administración galega  que el mesmo, dixo,  trasladou   ao presidente do Centro galego de Bruxelas.  Trala resposta do responsable de emigración, o  deputado do BNG replicou que  o concerto celebrado  o pasado 7 de decembro foi un “un acto democrático” é un novo exemplo da liberade de expresión a pesar dos intentos da Xunta por “condicionar e presionar” ao Centro galego  para impedir a súa celebración.

Bará pediu a Miranda que se desculpara co Centro galego de Bruxelas pero sobre todo, que recoñecera   “o grande traballo”  que está a realizar. Si vostedes non o fan, dixo, “facémolo dende o BNG” porque grazas a ese labor, o centro está a transmitir “unha cultura moderna e lonxe, moi lonxe, dos tópicos que representan  o seu  modelo”.