O BNG considera vergoñento ninguneo do Concello de Redondela co alumnado do IES Mendiño.

Por o 17/03/2019 | Sección: BNG,Galicia,Política,Redondela
O BNG considera vergoñento ninguneo do Concello de Redondela co alumnado do IES Mendiño.

Queren trasladar dende a organización nacionalista, os seus parabéns tanto ao alumnado, como ao profesorado que se “implicou decididamente para poder participar neste Certame de Debate”. Recoñecen o enorme esforzo que supuxo para un grupo de mozos e mozas de 1º de bacharelato, en pleno periodo de exames e celebración do Entroido, prepararse para este encontro. “Damoslle máis valor, se cabe, pois se trata dunha modalidade onde a palabra, o discurso, a capacidade de argumentar e en galego, constitúen o principal valor”.

De igual xeito rexeitan dende a forza nacionalista a “actitude manifestamente hostil do alcalde, Javier Bas ante a negativa a colaborar con este grupo de alumnos e alumnas, e profesorado”. Afirman que os gastos do traslado á capital da provincia para particirpar no encontro ,“asumírono en grande parte as familias, ademáis de aportacións económicas do propio profesorado”. Consideran “vergoñento que o noso fose o único Concello que non colaborou neste certame”.

Para os nacionalistas trátase dun feito de enorme gravidade, centrando as súas críticas no alcalde, Javier Bas, “ quen asumíu a área de normalización lingüística, e en ningún momento quixo saber do tema”. Recordan que “non foi o BNG quen se creu o discurso de que o PP de Redondela é diferente, tamén co idioma, facilitando que goberne en minoría”.

Acrecenta as súas críticas o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, pois hai un mes Redondela adheríuse á Rede de Entidades Locais pola Lingua Galega, organizadora deste evento escolar. “Xa advertimos, que a Javier Bas únicamente lle interesaba a publicidade. Agora demóstranse as nosas sospeitas, pois o Certame claramente entra dentro das finalidades da Rede”.

Esixen dende o BNG que o alcalde preste todo o apoio económico necesario para que o alumnado do IES Mendiño, poida continuar participando neste Certame. Sinalan que “pouco queda para que en Redondela se volva a traballar dende a base pola posta en valor, e dignificación do galego, ao dar por finiquitado o periplo do PP no goberno do noso concello”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.