O BNG consigue un acordo que amplía o acceso das axudas ás vítimas de violencia machista

Noa Presas lamentou que o Partido popular votara en contra de incrementar a contía das axudas
Publicado por o día 19/12/2018 na sección de BNG,Política

O BNG consigue un acordo que amplía o acceso das axudas ás vítimas de violencia machista

A deputada do BNG, Noa Presas  propuxo  hoxe ao goberno, a través dunha proposición non de lei,  “ampliar as categorías para  as axudas ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aumentar  ás contías a percibir.”

O BNG conseguiu un acordo para crear “un novo tramo que inclúa aquelas mulleres con renda igual ou menor a 2 veces o IPREM como punto de partida, engadindo as posíbeis situacións complementares (menores a cargo, discapacidade e dependencia) xa recollidas nas bases reguladoras e que tome como punto de partida a contía de 200 euros”. Coa creación desta categoría, inclúense  mulleres vítimas de violencia  que ata agora non podían acceder ás axudas.

Ademais, o BNG tamén conseguiu que prosperara a aplicación do acordo na convocatoria do ano 2019.

Presas insistiu na necesidade de incrementar os recursos para mulleres vítimas de violencia de xénero  e considerou que destinar “un  millóns e medio de euros  dun orzamento de 9.849 M€” do orzamento xeral”, é perfectamente asumible. Porque estamos, dixo,  ante “un problema de dereitos humanos”.

“Menos lazos morados e máis recursos económicos. Menos declaracións institucionais e  máis feitos” manifestou a deputada  tras lembrar que o BNG xa defendeu o incremento das contías orzamentarias en sesión plenaria, proposta   rexeitada  polo  Partido popular.

Onte, explicou, a deputada, rematou o trámite dos orzamentos, pero a ninguén se lle escapa que moitas das decisións que podemos tomar neste Parlamento para mellorar a vida das persoas serán realidade só se lle adxudicamos unha dotación económica e  converter así as palabras en realidade.

Ademais, temos unha lei pioneira, un instrumento útil pero que  o Partido Popular incumpre nunha das súas cuestións básicas, “a atención psicolóxica primaria”. Unha lei que despois dunha década de ser aprobada segue sendo vangarda en moitos aspectos. Para o BNG, é un compromiso  estar á altura  das 55.000 denuncias por violencia machista da última década. “Temos que estar á altura de Magdalena Moreira, de María Judith Martins, de Ana Belén Varela Ordóñez, das 3 asasinadas que levamos ás costas neste 2018” polo que pediu ao Partido popular que rectifique nos recortes que aplicou o goberno. Unha das primeiras decisións do goberno de Núñez Feixóo ao chegar á Xunta, foi “recortar as axudas ás mulleres vítimas de violencia de xénero”.

A FORZA DO FEMINISMO

A deputada salientou a forza do feminismo nas rúas e a maior conciencia da sociedade contra a violencia de xénero. Para nós, afirmou, representa unha vitoria  das organizacións de mulleres e das  feministas que estamos nas institucións. Cando miremos atrás, “decatarémonos do verdadeiro significado do cambio social trala pasado 8 de marzo”. Depende agora de nós, “contribuír a que este Parlamento e a Xunta de Galiza estea á altura ou non das circunstancias históricas”, sentenciou.