O BNG creará oferta de lecer “atractiva e de calidade” destinada á mocidade para impulsar o uso do galego

Publicado por o día 17/05/2015 na sección de BNG,Política

O BNG creará oferta de lecer “atractiva e de calidade” destinada á mocidade para impulsar o uso do galego

– Serafín Otero defende “o desenvolvemento de políticas públicas de impulso á lingua fronte aos ataques continuos de PP e PSOE”

O candidato do BNG – Asembleas Abertas, Serafín Otero, expresou a necesidade de promover políticas públicas que promovan o uso do galego mediante a creación de oferta de lecer “en galego, atractiva de calidade, dirixida á xente moza”, e a potenciación dos programas xa existentes, como Duplo R ou En galego tamén noutros mundos.

“Sermos en galego forma parte da nosa identidade e fronte aos ataques continuos do PP e do PSOE non podemos quedar impasibles”, subliñou o candidato nacionalista, quen participou na manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego. Ao seu xuízo, cómpre “poñer fin” ao descenso do número de falantes do noso idioma con medidas en diferentes ámbitos.

Segundo Serafín Otero, un dos sectores prioritarios nos que hai que actuar “xa” é na mocidade, tendo en conta o preocupante descenso de falante entre a xente máis nova. “Se a xente moza non ten actividades de lecer en galego e cine en galego será difícil que asocie o galego ao seu tempo libre”, manifestou ao tempo que subliñou “a importancia de reforzar o prestixio da lingua galega na actividade económica”.

O galego na administración local

O candidato do Bloque considerou asemade indispensable garantir o cumprimento da ordenanza de Normalización Lingüística e desenvolver o Plan de Dinamización Lingüística do Concello de Vigo. “O galego ten que a lingua de uso normal en toda a documentación administrativa, así como na atención ao público en todos os servizos municipais”, salientou.

O BNG-AA propón, ao respecto, reforzar o servizo de Normalización Lingüística, incrementando a súa dotación económica, e reforzar o Consello Social da Lingua Galega como instrumento para garantir o cumprimento do Plan de Dinamización Lingüística. Asemade, Serafín propuxo impulsar os gabinetes de normalización lingüística naqueles organismos ou entidades que engloban varios colectivos, como organizacións empresariais, deportivas, ou a Federación Veciñal.

“Pensamos que esta é una medida necesaria de cara á promoción do galego nos sectores estratéxicos da cidade, así como o apoio ás actividades que desenvolvan as diferentes entidades sociais”, manifestou.

PRENSA BNG VIGO