O BNG cualifica de “espectáculo lamentábel” a lea pola iluminación da ponte de Rande e urxe o rescate da AP9

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, afirma que causa “arroibo” a competición entre Xunta e Concello por ver “quen ten as luces máis longas”.
Publicado por o día 16/09/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG cualifica de “espectáculo lamentábel” a lea pola iluminación da ponte de Rande e urxe o rescate da AP9

A polémica suscitada polo anuncio de iluminar o perfil da ponte de Rande desatou un agre intercambio de acusacións e reproches entre o Goberno municipal de Vigo e a Xunta de Galiza. Esta nova lea mereceu unha crítica severa por parte do BNG, quen por boca do seu concelleiro, Xabier P. Igrexas, cualificou esta mañá de  “absolutamente lamentábel o espectáculo que están a dar PSOE e PP, desde Concello e Xunta, competindo por ver quen é o pai ou nai da idea de converter a ponte de Rande no ‘Golden Gate’ galego, iluminando a ponte”.

Igrexas asegurou que este novo episodio na permanente batalla partidista que protagonizan Caballero e Feixóo “causa arroibo”, e chamou a centrar a atención política e os esforzos na transferencia e rescate da AP9. “O que lle dicimos a Concello e Xunta é que o que debería preocuparlles e ocuparlles é forzar o Goberno español a que acabe coa aldraxe, co saqueo e co atraco diario que padecen moitos millares de viguesas e vigueses, millares de galegas e galegos, todos os días cando fan uso da AP9”, demandou.


O edil nacionalista lembra que o pasado mes de agosto a ponte de Rande recibiu case 72 mil vehículos por día e que o tramo da autoestrada entre Vigo e Pontevedra duplica o tránsito da conexión entre Coruña e Compostela.  “O que nos debera preocupar é que Rande sexa a ponte de acceso a unha autoestrada pública, galega e libre de peaxes tal e como levamos moitos anos a demandar o BNG”, defendeu fronte ao que definiu como “batallas estériles para ver que ten as luces máis longas”.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.