O BNG cuestiona a venda de 89 animais de Vigozoo e chama a poñer en marcha a súa transformación

Publicado por o día 20/10/2020 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG cuestiona a venda de 89 animais de Vigozoo e chama a poñer en marcha a súa transformación

O Bloque Nacionalista Galego cuestionou esta mañá a decisión do Goberno municipal de proceder á venda de 89 animais nacidos en Vigozoo e instou a poñer en marcha un plan para a transformación do recinto poñendo fin ao modelo de exhibición de animais presos.

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, afirmou non compartir a fórmula escollida polo Goberno local para se “desfacer” destes exemplares. “Non compartimos que se trate os animais como calquera ben móbel inventariado, coma se fosen unha motocicleta ou unha cousa. Entendemos que o máis axeitado tería sido promover un convenio de colaboración con algún refuxio ou santuario de animais, onde se garanta que van estar en mellores condicións que en Vigozoo”, explicou.

Neste sentido, o edil xulga insuficientes as garantías de que o traslado, tal e como se recolle no prego, permita un maior respeito ao benestar animal no novo destino. Igrexas anunciou que dará traslado desta posición na Comisión Informativa de Medio Ambiente do Concello que se celebrará este mércores.

Cambio de modelo

A fronte nacionalista tamén advertiu de que nada se sabe do plan anunciado polo alcade a inicios de ano para a reconversión de Vigozoo, co obxectivo de superar o actual modelo de exhibición de animais presos.

“Desde xaneiro non coñecemos ningunha medida concreta, nin ningunha folla de ruta que defina como e cando se vai levar adiante esa transformación, que o BNG apoiamos plenamente”, explicou Igrexas que, aliás, lembrou que o PSOE rexeitou dotar dunha partida de 30 mil euros nos orzamentos municipais deste ano para esa finalidade, tal e como se propuña nunha das emendas nacionalistas.

O Bloque urxe a dar pasos para avanzar cara a un modelo máis sustentábel e respectuoso cos dereitos dos animais, poñendo fin ao actual Vigozoo.  

Comentar noticia

Your email address will not be published.