O BNG dá o sorpaso ao PSdeG-PSOE, Galicia en Común fracasa e Feijóo fai historia

Publicado por o día 13/07/2020 na sección de Galicia,Política

O BNG dá o sorpaso ao PSdeG-PSOE, Galicia en Común fracasa e Feijóo fai historia

O PPdeG mantén a súa maioría absoluta en Galicia con 41 escanos, os mesmos que obtivera en 2016, logo de que se confirmara, con máis do 99 por cento dos votos escrutados, que non conseguía o escano número 42. Finalmente, ese deputado foi para o PSdeG, que gaña un respecto de 2016 e sitúase como terceira forza con 15.

A única forza que sobe e de forma exponencial é o BNG, que pasa de 6 deputados a 19, 13 máis.

Son as únicas tres forzas que obteñen representación parlamentaria.

Nin Galicia en Común-Anova-Mareas nin Marea Galeguista obteñen representación. Tampouco Cs nin Vox.

Por provincias, os resultados provisionais son os seguintes:

• A Coruña: o PP obtén 14 deputados; o BNG, 7 e o PSdeG, 4.
• Lugo: o PP obtén  9 escanos; o BNG, 3 e o PSdeG, 2.
• Ourense: o PP obtén 8 escanos; o PSdeG, 3 e o BNG, 3.
• Pontevedra: o PP obtén 11 escanos; o BNG, 6 e o PSdeG, 5.

O voto por correo aumenta nun oitenta por cento nestes comicios

Máis de mil trescentos carteiros traballan hoxe nun dispositivo especial para facer que os votos emitidos por correo cheguen a tempo para o seu reconto ás case catro mil mesas electorais abertas por todo o territorio galego. Esta opción, a do voto por correo, foi a escollida neste proceso electoral por ,máis de 72 mil galegos, segundo os datos provisionais facilitados por Correos.

Este rexistro supón a cifra máis alta de participación mediante esta modalidade dende que existen comicios autonómicos en Galicia e implica un incremento dun 80 por cento con respecto ás eleccións de 2016. Os votos entréganse nas colexios electorais e quedan baixo a tutela do presidente da mesa ata o seu reconto.

O voto emitido por correo conta coas mesma garantías que o depositado presencialmente. Por mor da pandemia, a Xunta Electoral facilitou este ano a posibilidade de solicitalo de xeito telemático así como entregárllelo directamente aos carteiros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.