O BNG de Mos alerta sobre as carencias da senda peonil entre Torroso e Petelos

A anchura da vía incumpre o mínimo establecido no Plan Xeral e o trazado apenas foi modificado para eliminar curvas
Publicado por o día 29/03/2019 na sección de BNG,Galicia,Mos,Política

O BNG de Mos alerta sobre as carencias da senda peonil entre Torroso e Petelos

As obras para a construción da senda peonil entre Torroso e Petelos entraron xa na súa fase final e dende o BNG de Mos denuncian, con preocupación, que o resultado non vai supoñer unha mellora significativa para a seguridade dos peóns. A anchura da vía, que é de seis metros chegando excepcionalmente aos sete nalgún punto, non permite que dous autobuses poidan cruzarse con seguridade e por ela circula cada día o servizo de transporte escolar cara o CEIP de Petelos e o IES de Mos.

O portavoz nacionalista no concello, Miguel Aldea, lamenta que o goberno do PP non atendera as demandas para mellorar a seguridade viaria na zona. Cando se anunciou o proxecto, o grupo municipal do BNG pediu que se aproveitaran as obras para mellorar a seguridade viaria na zona, pero a solicitude non foi escoitada. “As cousas boas que se poden facer quedan sempre a medias por falla de valentía política ou por falla de miras de futuro e progreso”, indica Aldea.

A vía na que se está actuando é empregada por un gran número de persoas que se desprazan cada día aos centros educativos, pero tamén ao Multiúsos das Pozas, o Pavillón Óscar Pereiro e a piscina municipal. O portavoz do BNG sinala que, “salvo unha pequena actuación nunha curva, o trazado segue a ser o mesmo que había antes” e ademais, advirte de que a anchura proxectada para a vía non cumpre nin sequera co mínimo marcado no Plan Xeral recentemente aprobado.

Inauguracións electoralistas

Segundo Aldea, “invístese o diñeiro público pensando só en chegar a inaugurar antes das eleccións, pero non pensando no futuro de Mos”. Na súa opinión, “xa que se expropiou terreo, deberíase cambiar o trazado, rectificando as curvas e aumentando a anchura, creando tamén zonas de estacionamento nalgunha parte da vía”. Isto, insiste, “sería pensar no futuro e non o que fixo o goberno do PP, por iso dende o BNG dicimos que estamos ante outra oportunidade perdida”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.