O BNG de Mos anuncia unha liña de subvencións para a renovación das traídas de augas

O candidato á alcaldía, Gustavo Barcia, mantivo unha reunión con representantes das comunidades de usuarios do concello
Publicado por o día 17/05/2019 na sección de BNG,Galicia,Mos,Política

O BNG de Mos anuncia unha liña de subvencións para a renovación das traídas de augas

O candidato do BNG á alcaldía de Mos, Gustavo Barcia, presentou as súas propostas para mellorar o servizo de abastecemento nunha reunión sectorial con representantes das comunidades de usuarios de augas das diferentes parroquias do concello. No encontro, ao que asistiron varios integrantes da lista para as eleccións municipais, Barcia propuxo a creación dunha liña de subvencións dirixida ás traídas de augas para o mantemento e renovación das súas instalacións de captación e subministro.

Barcia lembrou, na súa conversa cos usuarios de augas, que “a maior parte das traídas foron creadas hai trinta ou corenta anos por iniciativa veciñal e aínda hoxe seguen sendo as responsables do servizo de abastecemento na maior parte do termo municipal”. Recoñeceu o gran esforzo, económico e humano, que realizan para manter o seu equipamento en condicións óptimas e reivindicou a necesidade de apoialas dende a administración. Por este motivo, comprometeuse a reservar para elas cada ano unha partida “destacada” nos orzamentos municipais. “O Concello debe garantir que toda a veciñanza goce dos servizos básicos, por iso ten a obriga de contribuír ao financiamento das traídas”, indicou o candidato nacionalista.

Encontro coa veciñanza nas Pedriñas

Trala reunión cos usuarios de augas, o BNG celebrou en Tameiga un acto público aberto a toda a  veciñanza. No auditorio do Centro Cultural As Pedriñas, Gustavo Barcia reivindicou as “ideas claras” do BNG na defensa do monte e da auga “fronte aos especuladores”. Asegurou que non vai permitir “que Nidia e Mouriño pasen por riba da vontade dos comuneiros de Tameiga” e lembrou que, ante o proxecto para construír unha cidade deportiva e un centro comercial, “tanto o PSOE como Gañamos foron cambiando de opinión e sufriron divisións internas”. Manifestou o seu convencemento en que “Mouriño non quere eses terreos para que o Celta siga crecendo, senón
para facer negocio cando lle venda o club a algún fondo chinés, ruso ou catarí”.