O BNG de Mos denuncia o uso partidista que o PP fai do Concello en período preelectoral

Gustavo Barcia considera que varios actos convocados dende a alcaldía bordean a lei ao tratarse de “inauguracións encubertas”
Publicado por o día 09/04/2019 na sección de BNG,Galicia,Mos,Política

O BNG de Mos denuncia o uso partidista que o PP fai do Concello en período preelectoral

O BNG de Mos alerta sobre o crecente malestar que está a xerar, en boa parte da veciñanza, o que consideran é un “uso partidista” do Concello por parte do goberno do PP. O candidato nacionalista á alcaldía, Gustavo Barcia, advirte de que están vixilantes “ante o envío masivo de cartas á veciñanza para a convocatoria de encontros co equipo de goberno que teñen un carácter plenamente electoralista”.

Dende o BNG lembran que, tal como establece a LOREX, durante o período preelectoral o Concello ten prohibido organizar calquera acto que conteña alusións aos logros do último mandato ou que se utilicen imaxes e expresións similares ás empregadas nas campañas dos partidos políticos. Segundo Barcia, “o PP bordea a lei en actos como a recente homenaxe aos arquitectos da escola infantil da Veigadaña” e cualifica de “inauguracións encubertas” algunhas das últimas convocatorias do goberno municipal. Pon como exemplo o cambio de nome do Pavillón da Pena de Francia e lamenta que “o recoñecemento a unha atleta como Soledad Castro, que é todo un
referente para o deporte de Mos, se convertera nun acto de precampaña de Nidia Arévalo”. A indignación de moitas persoas, indican dende o BNG, chega tamén polo uso que o goberno de Arévalo está a facer das redes sociais, xa que en varias ocasións chegaron a publicar idénticos contidos na conta oficial do Concello, na do Partido Popular e no perfil persoal da alcaldesa.

Uso electoralista dos menores de idade

Outra cuestión que dende o BNG consideran especialmente preocupante é a difusión constante de fotografías da alcaldesa e doutros membros do goberno municipal con menores de idade. Gustavo Barcia entende que se está a facer “un uso electoralista da infancia” e defende que esta “debería ser obxecto de protección por parte de todas as institucións públicas”.