O BNG de Mos denuncia que a Xunta modifica a lei do solo para permitir o proxecto do Celta

Aproveita a Lei de acompañamento dos orzamentos para colar esta modificación
Publicado por o día 26/10/2018 na sección de BNG,Galicia,Mos,Política

O BNG de Mos denuncia que a Xunta modifica a lei do solo para permitir o proxecto do Celta

Para certas cuestións está claro que o PP anda lixeiro, sobre todo para actuacións que supoñen un pelotazo urbanístico coma o que se pretende levar a cabo polo Real club Celta en Mos.

O Bng de Mos xa viña avisando de que é ilegal esa actuación porque non está recollida na Lei do Solo do ano 2016, pero aparece rauda e veloz a Xunta de Galicia e modifica dita lei no artigo 12 do título II de medidas administrativas da Lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta para o 2019.

A Xunta incide sobre o proceso posterior á modificación coa creación do artigo 117 bis da Lei do Solo. Este artigo bis legaliza ese proceso posterior, consistente en que unha administración expropia e un particular ou empresa pode ser a beneficiaria desa expropiación.

Todo este novo artigo 117 bis, está creado só pensando nas instalacións que o RC Celta está plantexando en Mos.

Todo esta lexislación lembra ao “ axente urbanizador”, que remite aos peores períodos da época do urbanismo da Comunidade Valenciana, e que deron lugar aos peores casos de corrupción que se lembran no Estado español.

A Xunta anda lista para estas cousas, apura para defender os intereses dos grandes empresarios, pasando sen dubidar un segundo, por riba de Comunidades de augas e montes, que o que fan é defender os montes e os recursos naturais.