O BNG de Mos presenta un paquete de medidas para sanear as contas do Concello

O candidato á alcaldía, Gustavo Barcia, estima que é posible recortar máis de 100.000 euros en “gastos innecesarios”
Publicado por o día 15/05/2019 na sección de BNG,Galicia,Mos,Política

O BNG de Mos presenta un paquete de medidas para sanear as contas do Concello

O BNG de Mos defendeu, nun acto público celebrado na Asociación de Veciños Celado, de Cela, a viabilidade económica do seu proxecto. O candidato á alcaldía, Gustavo Barcia, denunciou no encontro coa veciñanza que “a situación financeira do Concello é crítica por culpa da mala xestión do PP” e presentou un paquete de medidas destinadas a sanear as contas públicas sen ter que renunciar a poñer en marcha as propostas do seu programa de
goberno. Barcia defende que é posible reducir a débeda municipal e axustar o orzamento, sen recortar servizos para a veciñanza, suprimindo ou reducindo “gastos innecesarios”.

De acordo cos cálculos de Barcia, o Concello de Mos podería aforrarse máis de 100.000 euros realizando un axuste “superficial” do orzamento. A principal partida na que se podería reducir o gasto sería, na súa opinión, a destinada ás retribucións da equipa de goberno e o persoal de confianza. Propón fixar o salario da alcaldía en 36.000 euros brutos, fronte aos máis de 48.000 que percibe Nidia Arévalo na actualidade e reclama a supresión dunha dedicación exclusiva. Estima, ademais, que é posible recortar máis de 20.000 euros en conceptos coma o alumeado de Nadal, a publicidade institucional, os trofeos para eventos deportivos ou as subvencións asignadas cun criterio, na súa opinión, “cuestionable”.

Captación de fondos

Xunto coa redistribución do gasto dos orzamentos, o saneamento das arcas municipais esixirá, segundo Barcia, “un maior esforzo para captar fondos procedentes doutras administracións”. Sinala que existen multitude de axudas da Deputación, da Xunta, do Estado ou da Unión Europea que “o PP non aproveitou por falta de interese e, sobre todo, por falta de proxectos”. Pon como exemplo o programa da Xunta de Galiza para estender a banda ancha a todo o territorio, aprobado en 2015. Nel, contémplanse axudas para mellorar a conexión a internet nas zonas rurais, pero o Concello de Mos, con grandes carencias nesta materia, aínda non se adheriu.