O BNG de Mos reivindica a súa experiencia no goberno

Gustavo Barcia lembra que as humanizacións da contorna do Pazo de Mos, Puxeiros ou Sanguiñeda “foron obras impulsadas polo BNG”
Publicado por o día 20/05/2019 na sección de BNG,Galicia,Mos,Política

O BNG de Mos reivindica a súa experiencia no goberno

O candidato do BNG á alcaldía de Mos, Gustavo Barcia, reivindicou nun encontro coa veciñanza o traballo realizado dende as áreas do goberno dirixidas por concelleiras e concelleiros nacionalistas entre 2003 e 2008. O acto celebrouse a carón do Pazo de Mos, nunha contorna que, tal como lembrou Barcia, “foi peonalizada e recuperada grazas ao traballo de Xosé Carlos Cabaleiro”, exconcelleiro nacionalista que participou tamén no acto e que pecha, nesta ocasión, a candidatura para as municipais. O candidato á alcaldía reiterou, ademais, o seu obxectivo de “trasladar a todas as parroquias a humanización realizada na controna do Pazo”.

Na súa intervención, Barcia comprometeuse a “devolverlle o espazo público ás persoas e crear novos puntos de encontro”. Puxo como exemplo do “modelo de concello do BNG” a reforma dos núcleos urbanos de Sanguiñeda e Puxeiros, obras impulsadas tamén polos nacionalistas. Contrapuxo o resultado destas humanizacións co da reforma desenvolvida no último mandato, polo goberno do PP, na contorna da rotonda das Angustias. Barcia cualificou de “mausoleo luminoso” a polémica fonte construída no lugar e afirmou que é “unha mostra do complexo de inferioridade de Nidia Arévalo”. Considera, ademais, que era unha obra innecesaria e que supón unha “falta de respecto ás Mulleres Rurais, que traballaran arreo para facer a anterior rotonda”.

Paseo do Louro

Tal como lembrou o candidato á alcaldía, o primeiro tramo do paseo do Louro foi construído tamén cando os nacionalistas estiveron no goberno. Barcia criticou as sucesivas ampliacións e reformas acometidas polo PP, así como a falta de mantemento do mobiliario urbano situado na contorna do río, coma os bancos ou os elementos de ximnasia do parque biosaudable da Pateira, “que están rotos e enferruxados”. Anunciou a súa intención de ampliar o paseo cara a Louredo e O Porriño, pero “respectando os valores naturais do río”. Na súa opinión, “o que fixo Nidia Arévalo foi practicamente asfaltar as marxes do Louro”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.