O BNG de Vigo advirte que o bus urbano inda non funciona ao 100% e urxe o seu reforzamento

Xabier P. Igrexas: “O Concello ten que actuar para priorizar o servizo á cidadanía por acima dos intereses da empresa concesionaria”
Publicado por o día 21/01/2021 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

O BNG de Vigo advirte que o bus urbano inda non funciona ao 100% e urxe o seu reforzamento

O Bloque Nacionalista Galego vén de advertir publicamente que o servizo de autobús urbano da cidade de Vigo inda non funciona ao cento por cento, e volveu urxir o seu reforzamento na perspectiva de que se poidan aplicar novas restricións de aforo por causa da evolución epidemiolóxica nos vindeiros días e semanas.

A través dunha interpelación na derradeira Comisión Informativa de Servizos e Contratación do Concello, o concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, demandou ao Goberno municipal que aclarase o grao de funcionamento dos servizos de bus urbano. “Temos información de que non se teñen reiniciado o cento por cento dos servizos, a pesar de que o alcalde anunciou que si”, alertou.  Aliás, expresaron a súa preocupación polos indicios dos que dispoñen de que Vitrasa non pode mobilizar todos os buses da súa frota xa que unha parte carecería de seguro de circulación en vigor.

Reforzamento

Desde a fronte nacionalista volven demandar o urxente reforzamento do servizo de bus urbano. Neste sentido, Igrexas sinalou que “nun contexto marcado por unha terceira vaga de contaxios de coronavirus de enorme virulencia, e na perspectiva de que se poidan acordar nos vindeiros días e semanas novas restricións de aforo, é fundamental que se reforce con máis buses para evitar que se sigan a dar masificacións de pasaxeiros e pasaxeiras”

“O Concello ten que actuar para priorizar o servizo á cidadanía por acima dos intereses da empresa concesionaria”, remachou o portavoz municipal nacionalista.

Comentar noticia

Your email address will not be published.